Concello
O programa municipal de Nadal inclúe diversidade de actividades para todos os públicos
16/12/2017
Con motivo da celebración das festas do Nadal, o Concello da Laracha organiza, como cada ano, o seu programa de actividades específico para estas datas por medio do que se pretenden alcanzar varios obxectivos diferentes e complementarios: fomentar o espírito do Nadal entre a poboación do municipio, ofrecer propostas de ocio -especialmente dirixidas aos nenos para axudar á conciliación das súas familias- e apoiar economicamente tanto ao comercio local como ás asociacións culturais e coros parroquiais por medio dos certames de escaparates e de panxoliñas.
Nesta completa programación municipal inclúense propostas para case todos os días laborables, salientando a presenza dos tradicionais concursos, obradoiros infantís, espectáculos teatrais, sesións de cine, contacontos e a cabalgata dos Reis Magos.
Nos últimos días xa se desenvolveron os primeiros eventos coa cualificación dos concursos de postais e de contos –a entrega dos premios será o próximo venres a partir das 18:30 horas na Casa da Cultura- e o inicio do festival de teatro infantil dirixido aos colexios, que continuará o luns e o martes da próxima semana.
Os outros certames de Nadal son o concurso de panxoliñas “María Angeriz Tuset”, que se vai desenvolver o sábado 23 da partir das 18:30 horas na Casa da Cultura, e o concurso de escaparates, no que a valoración do xurado será na tarde do xoves día 28 de decembro.
Ante o éxito de pasadas edicións, volveranse realizar diversidade de obradoiros infantís con diferentes temáticas, pero sempre relacionadas coas festas do Nadal, incluíndo a elaboración de doces típicos destas festas. En todos os casos será en horario de mañá para facilitar a conciliación e desenvolveranse tanto no edificio de servizos múltiples como na Casa da Cultura. Para participar é preciso reservar praza previamente no Concello.
Os espectáculos en directo tamén terán protagonismo na programación. A contacontos Vero Rilo estará o mércores 27 de decembro no centro sociocultural de Paiosaco con Contos e lerias. O venres 29 a maxia de Dani García chegará á Casa da Cultura da Laracha con 1,2,3, probando. E o mércores 3 de xaneiro Felipe Díaz “Caxoto” traerá á Casa da Cultura a súa obra dirixida ao público familiar Un paxe real en apuros. En todos os casos será a partir das 17:30 horas.
Nese mesmo horario, nas datas e lugares indicados, están programadas as proxeccións dos seguintes filmes:
- 26 de decembro, Casa da Cultura da Laracha: El viaje de arlo (cine infantil)
- 28 de decembro, Centro sociocultural de Paiosaco: Del revés (Inside Out) (cine infantil).
- 2 de xaneiro, Casa da Cultura: El desconocido (maiores de 10 anos de idade)
- 4 de xaneiro, Centro sociocultural de Paiosaco: The way (cine infantil).
A cabalgata dos Reis Magos pechará as festas do Nadal e tamén o programa de actividades do Concello o venres 5 de xaneiro. A saída da praza do Concello está prevista para as 16:30 horas. Chegarase a Caión ás 17:30 e realizarase un encontro cos nenos no porto. A seguinte parada, no campo da feira de Paiosaco, estímase que será ás 18:30. Na Laracha, tras facer un percorrido polas rúas da capital municipal, chegarán ao pavillón do IES Agra de Leborís ás 19:30 horas. Nese lugar os nenos están convidados a agardar polas Súas Maxestades os Reis Magos desde as 17:00 participando nunha gran Festa Infantil.