• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

O CONCELLO MELLORA AS COMUNICACIÓNS RODADAS EN ESTRAMIL

03/03/2016

No marco do plan municipal de mellora, conservación e mantemento en bo estado da extensa rede viaria municipal, o Concello da Laracha aproveitou as condicións climatolóxicas favorables das dúas últimas xornadas para levar a cabo unha actuación no núcleo de Estramil, situado na parroquia de Torás e moi próximo ao casco urbano da capital municipal.   

O proxecto estase a desenvolver nunha das estrada que comunica o citado núcleo rural coa vía provincial DP-1913. Trátase dunha zona na que se están a construír novas vivendas unifamiliares. Precisamente a actuación desenvolvida polo Concello da Laracha ten por obxecto, ademais de facilitar as comunicacións en xeral, mellorar a vía de acceso cara esta área eminentemente residencial.   

O ámbito de actuación alcanza os 250 metros lineais de estrada, que está a ser dotada cun novo pavimento e contemplando os correspondentes ancheamentos en todo o tramo.   Esta mañá o alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro responsable das áreas de urbanismo e obras públicas, Jesús Souto, visitar o lugar das obras para interesarse polo desenvolvemento dos traballos, que xa están na súa fase final.   

Con esta actuación o Concello da Laracha reforza o seu compromiso de dotar cos mellores servizos posibles –incluído o de comunicacións rodadas- á zona rural do Concello, na que residen en torno ao sesenta por cento dos 11.500 habitantes do municipio.

Compartir: