Concello
A Xunta de Goberno adxudica as axudas municipais á escolarización
23/11/2017
A Xunta de Goberno Local do Concello da Laracha acordou, na sesión ordinaria de hoxe, adxudicar as axudas municipais á escolarización aceptando a proposta da Comisión de Valoración, que durante as últimas semanas analizou e avaliou a totalidade das preto de setecentas solicitudes presentadas en base aos criterios establecidos na convocatoria.
O Concello da Laracha destina á partida de bolsas de estudos municipal a cantidade de 55.000 euros. A dotación económica das becas para os alumnos de educación infantil será de 125 euros cada unha, 100 euros para os de educación primaria, secundaria obrigatoria e formación profesional básica, 180 euros para os estudantes de bacharelato e ciclos formativos de grao medio e superior e 300 euros tanto para os que cursen estudos universitarios como para aqueles alumnos que requiran de necesidades educativas especiais.
O Concello da Laracha comunicará nos próximos días este acordo da Xunta de Goberno Local a todas as persoas beneficiaras, informándolles tamén da documentación que deberán achegar para xustificar a subvención municipal.
Cabe lembrar que as axudas municipais á escolarización son compatibles coas bolsas doutras administracións e foron dirixidas a estudantes de calquera curso ou ciclo que estivesen empadroados no municipio.
A finalidade esencial da convocatoria de bolsas de estudos municipais é a concesión de axudas económicas ás familias ou directamente aos alumnos maiores de idade para atender os gastos orixinados polo comezo do curso escolar (material didáctico complementario, vestiario e outros gastos directamente relacionados con el), facilitando, deste xeito, o proceso de formación como un elemento fundamental para o desenvolvemento persoal dos veciños da Laracha.
Na sesión de hoxe tamén foron concedidas cinco licencias urbanísticas.