• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Os alumnos do obradoiro de emprego traballan na mellora do paseo fluvial do río Vilán

16/11/2017

O paseo fluvial do río Vilán –parroquia de Cabovilaño- está a ser obxecto dunha das principais actuacións que levan a cabo os alumnos-traballadores da especialidade de carpintería e moble do obradoiro A Laracha-Arteixo: colaborando polo emprego IV

A intervención divídese en tres fases. A primeira, en execución, consiste no arduo labor de limpeza de todo o percorrido da pasarela de madeira que se está a realizar exclusivamente con auga a presión e sen empregar produtos tóxicos que puidesen afectar ao ecosistema deste entorno natural. A continuación serán revisadas todas as táboas e reparadas ou, se fose necesario, substituídas aquelas que presenten danos. Por último aplicarase lasur en todo o percorrido do paseo fluvial, un produto especialmente indicado para o tratamento da madeira en exteriores polo seu efecto antideslizante e por favorecer a súa conservación.

Paralelamente, os alumnos-traballadores desta mesma especialidade de carpintería e moble tamén están a desenvolver outras dúas intervencións que afectan ao edificio de usos administrativos da Laracha, onde se está actuando no mantemento da fachada e serán realizadas as divisións interiores das plantas superiores.

O obradoiro A Laracha-Arteixo: colaborando polo emprego IV está dividido en dous módulos con dez alumnos-traballadores en cada un deles, polo que son, en total, vinte as persoas que están formándose e disfrutando dun contrato laboral remunerado durante os nove meses de duración do programa. A outra especialidade é a de xardinería, que centra o seu labor integramente no parque de Monticaño, no veciño concello de Arteixo. A parte teórica de ambos módulos lévase a cabo, ao completo, nas instalacións do citado edificio do usos administrativos da Laracha.