• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

A FESTA DA IGUALDADE INSTAURARASE COMO REFERENTE NOS PROGRAMAS MUNICIPAIS CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

29/01/2016

A mesa sectorial de coordinación en materia de violencia de xénero nos sectores da sanidade e do ensino reuniuse o 18 de xaneiro no Salón de Plenos do Concello da Laracha nunha xuntanza presidida polo alcalde (José Manuel López Varela), e na que tamén participaron a concelleira de muller (Rocío López), a directora do Centro de Información ás Mulleres da Laracha (Ana Aldao), o sarxento do posto da Garda Civil da Laracha (Higinio Pena), o médico-coordinador do centro de Saúde da Laracha (Aquilino Agromayor), o director do CEIP de Caión, as directoras e orientadoras dos colexios da Laracha (CEIP Otero Pedrayo) e Paiosaco (CEIP Alfredo Brañas) e a orientadora do IES Agra de Leborís.

José Manuel López Varela pediu a palabra no inicio da sesión para agradecer a todos os profesionais dos diferentes sectores con representación nesta Mesa a súa labor e implicación persoal, que posibilitou que o Concello da Laracha fose premiado polo Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad e a Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP) polo traballo desenvolvido en contra da violencia de xénero no ámbito municipal. “O galardón é un recoñecemento á labor coordinada das persoas e sectores representados nesta Mesa, polo que todos somos parte do premio”, afirmou o alcalde. Xa centrados nos puntos da orde do día da reunión, realizouse a avaliación das actividades que, baixo a organización do CIM, se están a desenvolver nos centros educativos.

Todos os representantes dos colexios coincidiron en destacar a Festa da Igualdade realizada o pasado 25 de novembro como unha iniciativa exitosa, na que se primou a convivencia e a educación en corresponsabilidade, polo que foi de especial interese para os alumnos de primaria. En base a iso acordouse instaurar a Festa da Igualdade como un dos evento a levar a cabo todos os anos como referentes no programa municipal en conmemoración do Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres.

No que atinxe aos obradoiros de prevención da violencia de xénero dirixidos ao alumnado de 5º e 6º de primaria, lembrouse que xa se realizaron no primeiro trimestre no CEIP Otero Pedrayo da Laracha e que nestes momentos se están a levar a cabo no CEIP de Caión e no Alfredo Brañas de Paiosaco.

Ao longo do mes de febreiro os estudantes de 2º e 4º de ESO do IES Agra de Leborís participarán nun obradoiro con temática afectivo-sexual no que, ademais de ponentes especializados na materia, participará tamén persoal do centro médico da Laracha para enriquecer as sesións e permitir aos participantes resolver as súas dúbidas ao respecto.

En todos os casos, a valoración das temáticas a tratar foi moi boa por parte tanto da directora do CIM como de todos os representantes dos centros de ensino. Por último acordouse que na próxima reunión, fixada para dentro de tres meses, se establezan xa os contidos dos obradoiros que sobre temática de prevención da violencia de xénero e potenciamento da educación baixo os criterios da igualdade e corresponsabilidade se impartirán nos colexios e no Instituto da Laracha no vindeiro curso escolar 2016-2017.

Compartir: