• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Pleno aproba por unanimidade as propostas do goberno local para investir 1,5 millóns na mellora de infraestruturas municipais

10/11/2017

Todos os concelleiros presentes no Pleno extraordinario celebrado hoxe –escusaron a súa ausencia Juan Caamaño, do grupo socialista, e Antonio Antelo, do grupo mixto- aprobaron por unanimidade as propostas do equipo de goberno para investir un millón e medio de euros na mellora de infraestruturas públicas de titularidade municipal. O alcalde, José Manuel López Varela, explicou que a convocatoria con carácter de urxencia desta sesión foi motivada pola necesidade de iniciar xa os trámites de contratación e tamén a finalización do prazo estipulado para a presentación de proxectos con cargo ao plan provincial POS+2017 Adicional.

Tralos preceptivos acordos plenarios, o Concello da Laracha investirá, por unha banda, 998.000 euros de parte do superávit e remanente do pasado exercicio económico (que en total ascendían a 1,8 millóns de euros). O proxecto de maior importe será a renovación do céspede artificial do campo de fútbol A Porta Santa de Paiosaco, valorado en case 237.000 euros. Outras actuacións a financiar con eses fondos están relacionadas con cuestións tan diversas como melloras noutras instalacións deportivas municipais, instalacións de parques biosaudables en A Laracha e Caión, dotación con mobiliario ao centro social da Laracha, renovación de equipos informáticos, portal municipal de emprego, ampliacións das redes de saneamento e abastecemento, melloras viarias, optimización da iluminación pública e melloras na recollida selectiva de residuos sólidos urbanos coa instalación dos novos colectores de orgánico.

Por outra parte, aprobouse unha transferencia de crédito por un importe de 235.000 euros que serán empregados na construción dos vestiarios do pavillón do CEIP Otero Pedrayo –co que a instalación quedará totalmente completada-, a creación de parques infantís nese mesmo centro de ensino, no CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco e na praza O Recreo, unha pista multideportiva no parque Maximino Canedo que será a primeira de uso libre no casco urbano da Laracha e a ampliación da estrada entre Maseo e A Fraga, na parroquia de Coiro. Sobre este último proxecto, o alcalde apuntou que se trata “dun tramo da vía entre Paiosaco e Vista Alegre que estamos mellorando en varias fases nunhas obras necesarias polo volume de tráfico que soporta ao dar acceso á terceira rolda da Coruña a través da AC-523”. O rexedor municipal mostrouse agradecido “pola cesión dos terreos por parte dos seus propietarios e as facilidades que nos están a ofrecer para poder desenvolver as obras previstas”.

José Manuel López Varela explicou que esta transferencia finánciase co crédito consignado nos orzamentos para outras actuacións de investimento, pero que queda liberado porque non será posible executalas no que resta de ano ao estar sometidas a expedientes de modificacións urbanísticas e expropiacións que están en marcha, pero sen concluír.

Salientar, por último, que con cargo ao POS+2017 Adicional financiaranse as tres actuacións inicialmente previstas no POS+2017 Complementario, pero engadindo melloras por un importe duns 10.000 euros no proxecto de renovación do pavimento na rúa Manuel Murguía da capital municipal da Laracha e mellora da capa de rodadura da vía que comunica o lugar da Xesteira (Lendo) coa autoestrada AG-55. Os outros dos investimentos que se realizarán con cargo a este programa son a ampliación da calzada nun tramo da vía entre A Areosa e A Balsa (parroquia de Vilaño) e o afirmado e mellora da estrada en O Coto (Coiro).