• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O conselleiro de Sanidade presentou na Laracha o proxecto de ampliación do centro médico e PAC

03/11/2017

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, visitou hoxe o Concello da Laracha para presentar o proxecto de ampliación do centro médico e punto de atención continuada (PAC). O acto desenvolveuse no propio recinto que albergará a nova instalación, que ocupará o lugar no que ata o pasado martes se situaban as antigas escolas unitarias de Santa Lucía, edificio que está a ser eliminado tal e como acordaron as dúas administracións implicadas.

Precisamente o conselleiro de Sanidade quixo destacar na súa intervención “a implicación do Concello, que sempre deu facilidades e fixo as necesarias modificacións no planeamento” para poder levar a cabo as obras. Vázquez Almuíña afirmou que as instalacións sanitarias da Laracha precisan dunha mellora á que agora se lle vai dar resposta con este proxecto que se executará “cunha especial sensibilidade co entorno e minimizando o impacto visual da fachada” nesta céntrica zona da capital municipal, respectando incluso o álamo centenario que existe xunto á entrada. Sobre as cuestións técnicas salientou que este “será o primeiro edificio público que levará tecnoloxía galega en madeira”, tendo unha gran presenza este material en toda a instalación tanto no aspecto estético como na eficiencia enerxética e o baixo impacto ecolóxico. Neste sentido valorou “a implicación da Xunta coa posta en valor da industria forestal galega”.

O novo PAC terá unha superficie duns 370 metros cadrados e contará cunha sala de observacións, dúas consultas de medicina xeral, unha consulta de enfermería, unha sala de educación sanitaria, recepción, dormitorios para o persoal de garda e almacén, entre outras dependencias, o que permitirá liberar os espazos do centro de saúde para cubrir as necesidades detectadas para a atención ordinaria.

Sobre os prazos previstos, o conselleiro confirmou que se está a traballar nos pregos de condicións que rexerán o procedemento de licitación, que agarda estea rematado en “catro ou cinco meses”. O edificio está valorado en 1,2 millóns de euros e o tempo máximo para  súa construción será de doce meses.

Vázquez Almuiña estivo acompañado na súa visita á Laracha polo delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro; o vicepresidente do Parlamento Galego, Diego Calvo; o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa; a directora xeral de Recursos Económicos, María Jesús Piñeiro; o xerente de Xestión Integrada, Luis Verde; a xefa territorial de Sanidade, Cristina Pérez; e unha ampla representación do goberno local. No seu nome, o alcalde, José Manuel López Varela, quixo dar “as grazas polo proxecto” a todos os implicados en facer realidade “esta mellora significativa das instalacións sanitarias” e non dubidou en cualificar a xornada como “un día histórico para o Concello da Laracha”.

+Información e recreación virtual do edificio na web da Consellería de Sanidade