• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello da Laracha retirou máis de 400 niños de velutina no que vai de ano

01/11/2017

O Concello da Laracha continúa desenvolvendo unha intensa actividade para combater a expansión polo termo municipal da avespa asiática (vespa velutina), a especie invasora que cada vez está a ter maior presenza en toda Galicia.

No que vai de ano xa foron eliminados máis de catrocentos niños nunha campaña na que se diferencian tres fases. A primeira delas abrangue desde xaneiro ata finais de maio, onde apenas se rexistrou actividade e soamente se detectaron doce niños. A segunda corresponde á época estival, na que a media foi de dous avisos diarios en localizacións a ras de chan, árbores de pequenas dimensións e, entre outras , alpendres, altillos de tellados e fachadas de vivendas. 

O momento de maior actividade está a fase actual, superándose os douscentos niños eliminados desde finais de setembro e ata o día de hoxe con xornadas nas que se actuou nunha vintena de puntos diferentes. A explicación está na chegada do outono e a caída das follas das árbores, que supón que os niños situados en altura quedan á vista e poidan detectarse con maior facilidade. É neste momento do ano cando aínda cobra máis importancia eliminalos, xa que as vespas velutinas se atopan na época de cría de novas raíñas e, deste xeito, evitarase o xurdimento doutros niños durante a próxima primavera.

Todas as actuacións no Concello da Laracha están a ser desenvolvidas pola Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, que emprega o material cedido para tal fin pola Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia. En determinadas ubicacións tamén está a ser preciso empregar vehículos especiais para alcanzar os niños, asumindo o custo económico do seu aluguer o Concello da Laracha.

As doce parroquias da zona interior do municipio están afectadas pola presenza da nespra asiática, que apenas se deixou notar pola parroquia costeira de Caión, onde este ano soamente se retiraron dous niños –ningún en 2016-.

As vespas velutinas non supoñen un risco maior para os seres humanos que os dunha nespra autóctona, pero a súa expansión está a provocar importantes danos medioambientais, especialmente en fincas con árbores de froita e en colmeas, xa que son depredadoras de abellas. A colaboración cidadá é imprescindible para que as administracións poidan coñecer a ubicación dos niños e actuar para retiralos. No caso de que unha persoa detecte un, debe dar o aviso chamando ao teléfono 012.