• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Avanzan os traballos de demolición das antigas escolas unitarias de Santa Lucía

31/10/2017

A demolición das antigas escolas unitarias de Santa Lucía, no casco urbano da Laracha, completaranse nos próximos días para posibilitar a ampliación do centro médico e punto de atención continuada (PAC). Os traballos avanzan segundo os prazos previstos e, despois do baleirado do interior das instalacións e a eliminación da carpintería de aluminio –ventanais e portalón exterior-, hoxe comezou a penúltima fase que suporá a eliminación do edificio, composto por planta baixa, primeira planta e garaxe. A actuación completarase coa retirada dos escombros para deixar completamente libre a parcela.

Os traballos estanse a desenvolver de acordo ao especial coidado que require unha actuación destas características nunha zona residencial, garantindo a seguridade tanto no edificio de vivendas lindeiro como para os viandantes e os establecementos comerciais próximos, aínda que neste sentido as molestias son mínimas ao actuarse no interior dunha praza que foi pechada aos peóns.

As antigas escolas de Santa Lucía estaban emprazadas na parcela contigua á que alberga as citadas instalacións sanitarias. Ante a necesidade de amplialas, o goberno local impulsara a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que levou consigo unha nova ordenación especial que abrangue esas dúas parcelas dotacionais, establecendo as condicións precisas para acomodar as obras e deixando fixados os condicionantes necesarios na procura dunha boa integración no contexto urbano. 

Segundo o convenio entre o Concello da Laracha e a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, será o Servizo Galego de Saúde (Sergas) quen financiará integramente a ampliación do centro médico e PAC, mentres que o Concello xa fixo efectiva a cesión patrimonial de ambas parcelas libres de cargas e gravames e coa cualificación para uso sanitario, ademais de asumir todos os gastos necesarios para dotar á nova instalación cos correspondentes servizos (accesos, abastecemento de auga, saneamento, subministración eléctrica, telecomunicacións, etcétera). É por este motivo que os 38.000 euros que custa a demolición e desescombro das antigas escolas unitarias de Santa Lucía serán financiados na súa totalidade con fondos propios municipais.