• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A Laracha mantén unha ratio de infraccións delitivas inferior á media provincial, autonómica e estatal

23/10/2017

A Xunta Local de Seguridade reuniuse hoxe no salón de Plenos do Concello da Laracha nunha xuntanza que estivo copresidida polo alcalde, José Manuel López Varela, e o Subdelegado do Goberno na provincia da Coruña, Jorge Atán. Tamén contou coa presenza, como voceiros, da Vicesecretaria xeral da Subdelegación do Goberno, Eva Vázquez; o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil da Coruña, Francisco Javier Jambrina; o comandante de posto da Garda Civil da Laracha, Higinio Pena; o inspector xefe da Policía Autonómica na Coruña, Antonio Nieto Lamas; o xefe da Policía Local da Laracha, Víctor Vilanova; e os concelleiros José Ramón Martínez Barbeito (grupo de goberno), Eladio Verdía (grupo municipal socialista) e Antonio Antelo (grupo mixto). 

De acordo á orde do día da sesión, abordouse a situación actual da seguridade cidadá no termo municipal. Os datos oficiais expostos polos diferentes organismos e institucións presentes poñen de manifesto os bos índices de seguridade que presenta o Concello da Laracha, cunha ratio de 22,67 infraccións por cada mil habitantes e ano, inferior ás medias provinciais, autonómica e estatal. Aclarouse que unha alta porcentaxe das mesmas foron furtos durante os eventos lúdicos, festivos e recreativos máis multitudinarios que se desenvolveron no verán. A conclusión unánime foi que A Laracha é un municipio tranquilo e seguro para a cidadanía.

A continuación tratouse a coordinación dos dispositivos de seguridade entre a Garda Civil e a Policía Local. Expuxéronse os mecanismos de coordinación necesarios entre todas as forzas de seguridade en materia antiterrorista e, aínda que a avaliación e as análises realizadas poñen de manifesto que A Laracha non é unha zona de risco, foron consensuadas as medidas de seguridade pasiva a desenvolver en actos considerados especiais polo seu volume de afluencia.

Por último, tratouse a situación relativa á violencia de xénero, momento no que se convidou a participar na Xunta Local de Seguridade a Ana Aldao, directora do Centro de Información ás Mulleres (CIM) da Laracha. Aportáronse datos de atención ás vítimas e fíxose referencia ás 3.355 consultas atendidas por este servizo municipal ao longo do último ano, centradas no asesoramento xurídico, atención psicolóxica, orientación e información sobre diferentes cuestións.

Púxose en valor o labor que está a desenvolver a Mesa de traballo sobre coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero da Laracha, consolidada e instaurada como unha ferramenta imprescindible na tarefa dos profesionais dos diferentes sectores que interveñen nela para reforzar os mecanismos de prevención e intervención coas vítimas. Grazas a esta coordinación o Concello da Laracha está en posición de ofrecer unha atención de resposta máis rápida e eficaz ante situacións desa natureza.

Para rematar, Ana Aldao analizou os programas de prevención que, baixo a coordinación do CIM, se desenvolven nos centros de ensino e nos que participan nenos desde os tres anos de idade ata alumnos do cuarto curso de secundaria. Tamén se referiu aos servizos municipais de axuda á conciliación (Madrugadores e aula lúdica, ambos prestados a través do Programa Harmoniza). Todos eles foron considerados medios esenciais para acadar a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e evitar comportamentos de desigualdade que poidan derivar en situacións de violencia.