Concello
O Concello abastecerá de auga aos depósitos particulares que non teñan posibilidade de conectarse á rede xeral
17/10/2017
A escaseza de choiva durante os últimos meses provocou que no termo municipal da Laracha os puntos de captación de auga que subministran a rede xeral de abastecemento estean a un nivel máis baixo do habitual nesta época do ano, aínda que o servizo está plenamente garantido para todos os usuarios.
En condicións máis complicadas se atopan certos puntos de captación de auga particulares, que nalgúns casos están secos, tal e como comunicaron ao Concello os seus propietarios. Para dar unha resposta inmediata a esta situación, o Concello da Laracha subministrará auga de xeito gratuíto a todos os depósitos que se atopen nesas circunstancias. A medida diríxese exclusivamente a aqueles tanques que non teñen a posibilidade de conectarse á rede xeral de abastecemento.
As persoas propietarias de vivendas ou edificacións nas que os seus depósitos estean nesa situación, deben presentar a súa solicitude no rexistro xeral do Concello da Laracha, que será atendida á maior celeridade posible.
O Concello da Laracha toma esta medida para dar solucións a esa problemática asegurando que todas as persoas residentes na zona rural continúen dispoñendo dun servizo tan básico como a auga.