• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Celebrada nova reunión da Mesa Sectorial de Coordinación Policial sobre violencia de xénero

16/10/2017

A Mesa sectorial de coordinación policial en materia de violencia de xénero celebrou hoxe unha nova reunión periódica co obxectivo de optimizar o traballo que se desenvolve sobre esta temática e facilitar a colaboración entre os representantes dos distintos poderes públicos, unificando criterios para favorecer a atención integral ás vítimas desta lacra social.

Estiveron presentes na xuntanza José Manuel López Varela (alcalde do Concello da Laracha), Ana Aldao (directora do Centro de Información ás Mulleres da Laracha), Juan Carlos Rabuñal (axente da Garda Civil da Laracha) e Víctor Vilanova (xefe da Policía Local da Laracha). 

Tal e como é habitual nestas reunións de traballo, repasáronse os acordos da última xuntanza e valoráronse os protocolos e mecanismos de coordinación a desenvolver por parte dos diferentes profesionais do Concello e das forzas e corpos de seguridade ante casos de violencia de xénero. 

Tamén se revisaron as ordes de protección –vixentes e non vixentes- e foron abordadas as altas e baixas do programa ATEMPRO, o servizo telefónico de atención e protección para mulleres que sofren violencia de xénero.

Por último, salientar que quedou fixada a próxima reunión para o vindeiro día 22 de xaneiro.

Esta mesa sectorial de coordinación policial e a de sanidade e educación -que se reuniu a semana pasada- forman a Mesa de traballo sobre coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero da Laracha. Unha vez máis, o Concello da Laracha volve mostrar o seu agradecemento a todos os sectores profesionais representados nelas e a súa plena disposición para traballar xuntos na loita contra a lacra social da violencia de xénero.