• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A 5ª Feira Multisectorial de Oportunidades da Laracha celebrarase na fin de semana do 11 e 12 de novembro

10/10/2017

A quinta edición da Feira Multisectorial de Oportunidades que organiza a Asociación de Comercio, Servicios e Industria da Laracha (ACSIL) en colaboración co Concello desenvolverase na fin de semana do 11 e 12 de novembro nas instalacións do pavillón polideportivo do IES Agra de Leborís.

Precisamente para cumprir cos trámites administrativos previos á celebración do evento este mediodía celebrouse unha reunión da Mesa Local de Comercio, na que estiveron representados o Concello da Laracha –nas figuras dos edís José Ramón Martínez Barbeito e Rocío López-, a Xunta de Galicia –en Alberto Vázquez Sanmartín-, ACSIL –na súa presidenta, Concha Iglesias- e a Asociación Provincial de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios –Rosa Otero é a súa presidenta-.

Na xuntanza informouse aos membros da Mesa Local de Comercio sobre as características do evento. A instalación na que se desenvolverá ten capacidade para máis de cincuenta postos. Os establecementos comerciais do Concello da Laracha –sexan ou non socios de ACSIL- teñen prioridade á hora de realizar as reservas de stands. No caso de que quedasen postos libres, ofreceríanse a empresas doutros municipios. As persoas responsables de negocios que desexen estar presentes deben solicitalo poñéndose directamente en contacto con ACSIL.

A presidenta de ACSIL, Concha Iglesias, mostrouse ilusionada por alcanzar a quinta edición da Feira Multisectorial de Oportunidades e satisfeita do traballo realizado nos catro anos anteriores. Os representantes municipais trasladaron a plena disposición do Concello da Laracha para colaborar, do mesmo xeito que nas outras edicións, para que o evento volva ser un éxito organizativo e de asistencia de público.

Tal e como establece a normativa autonómica, desde o Concello da Laracha xa se deu conta á Dirección Xeral de Comercio da celebración desta quinta Feira Multisectorial de Oportunidades.