• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

O CONCELLO DA LARACHA ELABORARÁ UN CENSO DE VIVENDAS QUE NON ESTEAN REMATADAS

28/03/2016

Presidencia da Xunta de Galicia vén de publicar recentemente no Diario Oficial de Galicia (DOG número 34 do 19 de febreiro de 2016) a Lei 02/2016 do Solo de Galicia que outorga novas competencias aos Concellos.   O novo regulamento fai especial fincapé no réxime de edificación forzosa e no deber de conservación dos bens por parte dos seus propietarios, obrigando ao promotor a rematar as construcións para cuxa execución obtiveron a preceptiva licenza. Precisamente para o control e cumprimento destes deberes, a lei atribúe aos Concellos os correspondentes mecanismo e novas funcións.   

Neste sentido, o Concello da Laracha iniciará nos próximos días a elaboración dun censo de edificacións afectadas por esta normativa por non estaren rematadas, para o que será preciso levar a cabo un amplo e completo estudo tanto nos cascos urbanos da Laracha, Paiosaco e Caión como na totalidade dos máis de trescentos núcleos de poboación rural existentes no termo municipal.   

Unha vez se dispoña do documento, o Concello da Laracha procederá a comunicar a situación -de xeito informativo- aos propietarios das edificacións que incumpran a normativa a necesidade de levar a cabo as actuacións necesarias para adaptalas á lexislación vixente.   

Construcións protexidas no catálogo de patrimonio   

Por outra banda, o Concello da Laracha tamén está a estudar novas medidas a poñer en marcha durante os próximos meses para establecer bonificacións e incentivos fiscais para aqueles promotores que desenvolvan actuacións de mellora ou mantemento en calquera tipo de edificación ou elemento etnográfico tradicional que estean protexidos no catálogo de patrimonio municipal.   

Estas vantaxes xa son aplicables en determinados casos no imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO), pero o goberno local pretende establecer outras iniciativas que favorezan a recuperación e posta en valor dos elementos de titularidade privada que, polas súas características e importancia histórica, cómpre manter en boas condicións de conservación.

Compartir: