• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Ábrese o prazo de inscrición nas 33 propostas do programa municipal de actividades de inverno

04/10/2017

O Concello da Laracha abriu a inscrición nos diferentes cursos, obradoiros e escolas deportivas municipais que conforman a ampla oferta incluída no programa de actividades de inverno 2017/2018 que se vai desenvolver desde o actual mes de outubro e ata o finais de maio. En total haberá trinta e tres propostas, das cales vinte serán para adultos e outras trece, para nenos.

Son obxectivos esenciais deste programa o aproveitamento do tempo libre dos veciños, facilitar a práctica de actividades deportivas entre os adultos e os rapaces, favorecer a conciliación da vida persoal e laboral das familias con nenos ao seu cargo e aprender novos coñecementos útiles para a vida diaria.

En base á boa valoración de anos anteriores, o Concello da Laracha manterá practicamente todas as actividades ao mesmo tempo que renova a oferta con novas iniciativas que se incorporan por primeira vez ao programa.

No caso das actividades infantís, a novidade é o curso de robótica e programación dirixido a maiores de seis anos de idade. A oferta de actividades para nenos e mozos complétase con parkour (arte do movemento), a Escola Municipal de baloncesto, fútbol sala, informática, manualidades e pintura ao óleo, pequecociña, pádel, patinaxe, teatro, tiro con arco, xadrez e zumba kids. Igual que sucedeu no curso anterior –cando se estreou a xornada única no CEIP Otero Pedrayo da Laracha-, os horarios das propostas do programa son compatibles cos dos centros de ensino.

Do mesmo xeito que no ano anterior, as persoas adultas poderán participar en cursos de aeróbic, aquagym, arte floral, bailes latinos, cociña, encaixe de palillos, informática, labores de tecido, manualidades e pintura ao óleo, memoria e alfabetización, pádel, patchwork, restauración e tapizaría, xadrez e obradoiros de risoterapia e reciclaxe (elaboración de mobles con palés, caixas, etc.). Ademais, ximnasia de mantemento terá un grupo de mañá na capital municipal e amplíase o tempo de duración dos cursos de ioga e pilates, que comezarán a finais deste mes e rematarán en abril. A novidade do programa é o obradoiro de repostaría.

O Concello da Laracha comezou a desenvolver a campaña de información, promoción e divulgación deste programa de actividades, centrándose especialmente nos colexios e nas diferentes instalacións municipais.

É requisito imprescindible para poder inscribirse en calquera das actividades estar empadroados no termo municipal. Como en anos anteriores, a cota xeral de inscrición será de vinte euros por toda a duración dos cursos, podéndose aboar por transferencia ou con tarxeta bancaria no propio Concello. Haberá descontos para as persoas que se apunte en dúas ou máis actividades. Tamén existen reducións do cincuenta por cento no prezo das actividades para os menores de dezaoito anos de idade, as persoas maiores de sesenta e cinco anos, familias numerosas e aquelas familias nas que todos os membros se atopen en situación de desemprego.

O Concello da Laracha tamén apostará nesta ocasión por descentralizar o oferta e levar determinadas actividades ás parroquiais, aproveitando a existencia de centros socioculturais e locais de titularidade municipal. Principalmente os cursos de arte floral e de ximnasia de mantemento, dúas actividades dirixidas a todos os públicos, son os que están a ter mellor acollida nas zonas rurais.

Os programas de actividades de inverno e de verán –ademais do de Nadal, Entroido e San Isidro- que cada ano organiza o Concello da Laracha son un dos eixos da política social, deportiva e cultural desenvolvida polo equipo de goberno municipal, sendo o perfecto complemento á ampla cobertura en infraestruturas e tamén no apoio organizativo e económico que se presta aos clubs e asociacións ao longo de todo o ano.