• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Comezan as obras de mellora da accesibilidade na rúa Eusebio Bértoa Queijo

28/12/2016

Xa están en marcha as obras de construción de novas beirarrúas na rúa Eusebio Bértoa Queijo da capital municipal da Laracha, unha actuación cofinanciada pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia a través das subvencións destinadas á mellora da accesibilidade nos edificios e espazos de uso público, cofinanciadas polo programa operativo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional Galicia 2014-2020 (DOG número 149 do 8 de agosto de 2016).

O proxecto consiste na creación de beirarrúas na marxe esquerda da rúa Eusebio Bértoa Queijo en todo o seu percorrido, desde o punto de confluencia coa Avenida Fisterra (estrada AC-552) e ata o cruce coa rúa Epifanio Campo Núñez.

A actuación deseñada polo Concello da Laracha ten un carácter eminentemente social dado que a finalidade é mellorar as condicións de accesibilidade para os peóns nunha das rúas que dirixe, por un lado, ao centro de día e fogar residencial públicos da Laracha, ás instalacións do CEIP Ramón Otero Pedrayo e tamén ao cuartel da Garda Civil, e pola outra parte á zona na que se sitúan o centro médico da Laracha, o centro sociocultural de Santa Lucía e a praza Maximino Canedo.

A valoración económica do proxecto sitúase en torno aos 80.000 euros.