• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A eliminación das antigas escolas unitarias de Santa Lucía permitirá a ampliación do centro médico da Laracha

28/09/2017

O alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, o tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito, e o edil responsable das áreas de Urbanismo, Obras Públicas e Patrimonio, Jesús Souto, reuníronse cos responsables da empresa larachesa J. Esmorís e Hijos para realizar o replanteo do proxecto de demolición das antigas escolas unitarias de Santa Lucía, actuación que se levará a cabo nos próximos días para permitir a ampliación do centro médico.

A edificación que será eliminada consta de planta baixa, primeira planta e garaxe. Debido ao seu emprazamento, en pleno casco urbano da capital municipal, os traballos requiren dun coidado especial para garantir a seguridade tanto no edificio de vivendas lindeiro como para os viandantes, aínda que neste sentido as molestias serán mínimas ao actuarse no interior dunha praza que durante as obras quedará pechada aos peóns. A demolición farase desde a parte superior á inferior e empregando ferramentas manuais.

As antigas escolas de Santa Lucía están situadas na parcela contigua á que alberga o edificio do centro médico e punto de atención continuada (PAC) da Laracha. Ante a necesidade de ampliar as instalacións sanitarias, o goberno local impulsou a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) -recentemente aprobada con carácter definitivo- que implicou unha nova ordenación especial que abrangue esas dúas parcelas dotacionais, establecendo as condicións precisas para acomodar as obras e deixando fixados os condicionantes necesarios na procura dunha boa integración no contexto urbano. 

Segundo o convenio entre o Concello da Laracha e a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, será o Servizo Galego de Saúde (Sergas) quen financiará integramente a ampliación do centro médico e PAC, mentres que o Concello xa fixo efectiva a cesión patrimonial de ambas parcelas libres de cargas e gravames e coa cualificación para uso sanitario, ademais de asumir todos os gastos necesarios para dotar á nova instalación cos correspondentes servizos (accesos, abastecemento de auga, saneamento, subministración eléctrica, telecomunicacións, etcétera). É por este motivo que os 38.000 euros que custará a demolición e desescombro das antigas escolas unitarias de Santa Lucía serán financiados na súa totalidade con fondos propios municipais.