• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello iniciará nos próximos días dous proxectos dirixidos á mellora da sinalización viaria e turística

23/09/2017

O Concello da Laracha ten previsto iniciar nos próximos días a execución de dous proxectos de mellora da sinalización viaria e turística que afectan a diferentes puntos do termo municipal. Durante as últimas semanas leváronse a cabo os procedementos de contratación de ambos plans, que suporán un investimento total de 60.000 euros, contándose co apoio da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial da Coruña para o seu cofinanciamento.

Por unha banda, o proxecto de mellora da sinalización viaria contempla actuacións a desenvolver nos cascos urbanos da Laracha, Paiosaco e Caión, así como en estradas rurais das parroquias de Cabovilaño, Soandres e Montemaior. A finalidade é reforzar a información que se ofrece nestas vías e facilitar a súa percepción por parte dos condutores e tamén dos peóns, xa que o ámbito principal de actuación será en zonas residenciais. A sinalización horizontal prevista consiste no repintado das marcas viarias, cebreados, isletas e pasos para peóns. A vertical trátase da renovación de sinais deteriorados e a instalación de novos indicadores nos puntos da rede de estradas que así o requiran. Neste caso o proxecto está incluído no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concellos) “POS+ 2017”, polo que conta co apoio económico da Deputación da Coruña.

Por outro lado, e neste caso coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Axencia de Turismo de Galicia, levarase a cabo un plan de mellora da sinalización turística do Concello da Laracha, centrándose en destacar os elementos patrimonais e naturais de maior relevancia. O proxecto inclúe dous tipos de actuacións complementarias. No ámbito rural serán instalados en diferentes puntos da rede viaria indicadores que facilitarán a localización dos recursos máis importantes. Nos núcleos urbanos da Laracha, Paiosaco e Caión serán colocados en lugares estratéxicos –prazas, parques, campo da feira, paseo marítimo, etc.- paneis nos que se ofrecerá información ao viandante sobre puntos turísticos e servizos públicos de interese.

Deste xeito, coa execución de ambos proxectos o Concello da Laracha mellorará a seguridade e reforzará e modernizará a información turística que se ofrece tanto na rede viaria municipal como, tamén, en espazos peonís dos tres núcleos urbanos.