Concello
Comezan as obras de humanización da praza Eduardo Vila Fano de Caión
18/09/2017
José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, responsables da dirección de obra e representantes da empresa contratista -Oviga, Obras y Viales de Galicia, S.L.-, asinaron esta mañá a acta de comprobación do replanteo do proxecto de humanización da praza Eduardo Vila Fano de Caión, o tramite previo ao inicio das obras. Tal e como fora acordado previamente, as actuacións comezan a realizarse unha vez finalizadas a temporada de verán e as Festas dos Milagres, a época do ano na que a vila rexistra unha maior afluencia de persoas.
O ámbito de actuación superará os dous mil metros cadrados, contemplándose a completa renovación do pavimento coa colocación dun novo de pedra en toda a superficie da praza e tamén na súa primeira travesía que a comunica directamente coa praza de A Ribeira. O proxecto completarase coa mellora da sinalización e da iluminación pública en todo o ámbito.
Pola céntrica situación e as características da actuación que se vai executar durante as próximas semanas, a Policía Local da Laracha e a dirección de obra consensuarán un plan de tráfico específico para garantir que as comunicacións rodadas sexan fluídas entre a praza, o porto e a zona da Ínsua. O proxecto desenvolverase en varias fases precisamente para minorar as incidencias sobre o tráfico e causar as menores molestias posibles aos veciños.
A obra foi deseñada con dous obxectivos prioritarios, diferentes pero complementarios. Por unha banda, mellorar e adecuar o pavimento á importancia do lugar no que Caión recibe aos seus veciños e visitantes, ademais de albergar edificios históricos como a Igrexa parroquial da Nosa Señora do Socorro e o pazo dos Condes de Graxal. Por outro lado, reordenar os seus espazos para optimizar o seu uso, facendo a praza máis cómoda tanto para a circulación dos vehículos como para o tránsito peonil e, tamén, máis atraínte para os establecementos comerciais da zona.
O proxecto está valorado en 160.000 euros e será cofinanciado entre o Concello da Laracha e a Deputación Provincial da Coruña.