• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

30 alumnos e 3 profesores dun instituto polaco visitaron a Casa do Concello da Laracha

20/09/2017

O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e a concelleira Rocío López recibiron hoxe na Casa do Concello aos trinta alumnos e tres profesores do instituto Zespol Szkol Ogólnokształcących STO da localidade polaca de Toruńska –próxima a Varsovia- que están no noso municipio no marco do programa de intercambio organizado polas seccións bilingües (inglés, música, plástica e educación física) do IES Agra de Leborís. Hoxe precisamente estiveron acompañados por unha mestra e dous alumnos do instituto larachés, que fixeron de tradutores.

Os estudantes procedentes da capital polaca teñen entre 15 e 16 anos. Chegaron onte ao noso municipio e permanecerán na Laracha ata a noite do luns, estando aloxados durante a súa estancia en vivendas particulares de familias larachesas. No pasado mes de xuño un grupo de 26 alumnos do IES Agra de Leborís xa estiveran en Toruńska como actividade inicial do intercambio.

O rexedor municipal deulles a benvida ao Concello da Laracha e resaltou a importancia do desenvolvemento deste tipo de iniciativas para a formación dos mozos participantes en aspectos tan relevantes como a aprendizaxe de linguas estranxeiras e o coñecemento doutros países e as súas culturas. Nese sentido, valorou o labor realizado polos departamentos implicados do IES Agra de Leborís e tamén a colaboración das familias acolledoras. José Manuel López Varela rematou a súa intervención poñéndose a disposición dos organizadores para continuar apoiando estes programas.

Durante os próximos días os alumnos polacos, ademais de asistir ás clases programadas no IES Agra de Leborís, visitarán a cidade da Coruña (mañá) e varios puntos da Costa da Morte (venres). Na fin de semana estarán ao cargo das familias acolledoras. O luns pola mañá realizarán na Casa da Cultura da Laracha unha competición lingüística con alumnos do IES Agra de Leborís e, a mediodía, realizarán un percorrido polo paseo fluvial do río Anllóns antes de xantar na área recreativa de Gabenlle. Pola noite emprenderán a viaxe de volta.