• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O cupón da ONCE difunde o Santuario dos Milagres de Caión

05/09/2017

O Santuario dos Milagres de Caión é a imaxe do cupón da ONCE do xoves 7 de setembro. A figura deste destacado elemento patrimonial do Concello da Laracha será difundida nos cinco millóns e medio de cupóns que se porán á venda para o sorteo que se celebrará na véspera da Romaría dos Milagres de Caión, Festa de Interese Turístico de Galicia.

O cupón presentárono Manuel Martínez Pan, delegado territorial da ONCE en Galicia, e José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, nun acto celebrado no museo do Arquivo da Pesca da citada localidade onde se inicia a Costa da Morte.

O rexedor municipal agradeceu á ONCE “por escoller Caión para ser a imaxe do cupón nunha data tan sinalada para nós, xa que esta é a mellor difusión que podemos ter no ámbito nacional do santuario e das festas dos Milagres”. López Varela valorou o labor social da ONCE como “un orgullo para toda España” e animou aos laracheses a comprar o cupón do sorteo deste xoves, no que agarda que “a Virxe dos Milagres bote unha man” para que a sorte sorría no Concello.

Manuel Martínez Pan agradeceu a acollida en Caión e referiuse ao triplo obxectivo que representa o cupón do ONCE, salientando o aspecto promocional do elemento patrimonial ao que vai dedicado, a ilusión que supón para o público en xeral participar no sorteo e a excelente ferramenta que é para dar oportunidades e saída laboral á xente con diversidade funcional.

 

 

O Santuario dos Milagres de Caión é unha construción de estilo barroco compostelán datada no século XIX e que concentra na súa fachada a maior creatividade e ornamentación. A torre-campanario é de estilo neoclásico e está formada por dous corpos, un deles cadrado e, o outro, de forma octogonal.

Segundo as crenzas populares, da fonte que se atopa xunto ao Santuario –construída en 1828- emanan augas “milagreiras” que os devotos empregan para humedecer as partes do corpo nas que sofren algunha doenza coa esperanza de que sexa curada.

Este Santuario é lugar de peregrinación para miles de persoas. O 8 de setembro ten lugar a Romaría dos Milagres de Caión, evento que desde 2008 conta co distintivo de Festa de Interese Turístico de Galicia. O domingo anterior a esa data, a Virxe dos Milagres é subida en procesión desde a Igrexa Parroquial da Nosa Señora do Socorro –onde se atopa durante o resto do ano- ata o propio Santuario, lugar no que permanece ata o domingo seguinte, cando se realiza a procesión de regreso e finalizan as celebracións.

O Cupón Diario da ONCE ofrece, por 1,5 euros, 55 premios de 35.000 euros ás cinco cifras. Ademais, o cliente ten a oportunidade, por 0,5 euros máis, de xogar tamén á serie e gañar “La Paga” de 3.000 euros al mes durante 25 anos, que se engadirá ao premio de 35.000 euros. Terán premio de 500 euros os números anterior e posterior ao agraciado; ou premio de 200, 20, e 6 euros ás catro, tres e dúas últimas cifras, respectivamente, do cupón premiado. Así como reintegros de 1,5 euros á última e primeira cifra.

Os cupóns da ONCE comercialízanse polos 20.000 axentes vendedores da ONCE. Como sempre, grazas ao Terminal Punto de Venta (TPV), o cliente pode elixir o número que máis lle guste. Ademais, pódense adquirir desde a páxina web oficial de Juegos ONCE (www.juegosonce.es) e establecementos colaboradores autorizados.