• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Pleno aproba as dúas modificacións puntuais do PXOM propostas polo goberno local

31/08/2017

No Concello da Laracha celebrouse hoxe un Pleno extraordinario e urxente convocado polo goberno local ante a necesidade de avanzar na tramitación urbanística das dúas modificacións do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que requiren dous proxectos de interese xeral para a poboación do municipio, xa que traerán consigo melloras nas infraestruturas públicas sanitarias, culturais, turísticas e sociais.

O primeiro punto da orde do día foi a aprobación da urxencia da sesión, que foi acordada por unanimidade dos tres grupos presentes no Pleno –ausentouse o concelleiro do grupo mixto-. O alcalde, José Manuel López Varela, explicou que se acudiu a este sistema para avanzar coa maior premura nos trámites municipais necesarios para a execución das actuacións previstas, especialmente a ampliación do centro médico e punto de atención continuada da Laracha que realizará o Servizo Galego de Saúde (Sergas).

Precisamente, tamén houbo consenso de todos os edís presentes para elevar a provisional a aprobación da modificación puntual número 5 do PXOM, a nova ordenación especial que abrangue as dúas parcelas dotacionais nas que se sitúan, por un lado, o centro médico e, por outro, as antigas escolas de Santa Lucía. O documento establece as condicións precisas para acomodar a citada ampliación das instalacións sanitarias ocupando a parcela contigua. Tamén quedarán fixados os condicionantes necesarios na procura dunha boa integración no contexto urbano. O Concello da Laracha dará traslado deste acordo plenario á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia, competente para elevar a aprobación a definitiva e rematar o procedemento.

Por outra banda, a aprobación con carácter inicial da modificación puntual número 6 do PXOM saíu adiante cos únicos votos a favor dos concelleiros do grupo de goberno (PP) e coas abstencións dos edís do PSOE e do BNG. Agora abrirase un prazo de dous meses de información pública e solicitaranse os preceptivos informes sectoriais dos diferentes organismos. O cambio no planeamento promóvese coa finalidade de reunificar dous solares lindeiros nunha única parcela coa cualificación de sistema xeral e que se destinaría albergar equipamentos públicos de uso cultural e administrativo. 

José Manuel López Varela referiuse a este trámite urbanístico como “necesario” para poder construír, na zona da Ínsua de Caión, o edificio deseñado para ser o centro de referencia social, cultural e turística da localidade costeira, xa que contará con locais, aulas multiusos, oficina de información turística, exposicións permanentes e salón de actos, ademais de albergar as instalacións da Confraría de Pescadores de Caión.

Tras levantarse a sesión o alcalde avanzou que está previsto convocar outro Pleno extraordinario e urxente a próxima semana para elevar a definitiva a ordenanza municipal que regulará o servizo Madrugadores de axuda á conciliación da vida persoal, laboral e familiar. O Concello da Laracha comezará a ofrecelo desde o inicio do curso escolar no CEIP Otero Pedrayo da Laracha, CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco e CEIP de Caión.