• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Os usuarios da aula lúdica municipal participan nun programa educativo da Escola Galega de Consumo

23/08/2017

A Escola Galega de Consumo –dependente do Instituto Galego de Consumo- achegou hoxe ao Concello da Laracha o programa de actividades LecerConsumo co que pretende educar á mocidade nesa materia durante as vacacións de verán.

Os usuarios da aula lúdica municipal foron os destinatarios desta iniciativa, desenvolvida ao longo da mañá nas instalacións do pavillón do IES Agra de Leborís e empregándose tamén o seu exterior aproveitando as boas condicións climatolóxicas.

LecerConsumo céntrase na promoción do consumo responsable, propoñendo para iso o desenvolvemento de xogos participativos e dinámicas adaptadas por idades, motivo polo cal os rapaces foron divididos en dous grupos.

Deste xeito, os más cativos realizaron a actividade denominada “A maxia do lecer”, na que aprenderon a elaborar os seus propios xoguetes. Os nenos de entre 8 e 12 anos participaron en “Actívate no verán”, iniciativa centrada en coñecer as posibilidades que o entorno ofrece e aprender a diferenciar o ocio activo do pasivo.

Este programa impartido pola Escola Galega de Consumo é unha das moitas iniciativas ludorecreativas que se están a levar a cabo cos rapaces da aula lúdica neste verán. Para ser usuario deste servizo municipal gratuíto de axuda a conciliación da vida persoal, laboral e familiar dirixido a nenos de entre 3 e 12 anos de idade soamente se require estar empadroado no municipio e reservar a praza no Centro de Información ás Mulleres (CIM).