Concello
Aprobada a expropiación dos terreos afectados polo Plan especial de equipamentos educativos do Instituto
10/08/2017
A Xunta de Goberno Local, na reunión ordinaria celebrada hoxe, aprobou o expediente de expropiación dos terreos afectados polo Plan Especial de Equipamentos Educativos referida á parte que atinxe ao IES Agra de Leborís, o que será publicado nos próximos días nos boletíns oficiais e notificado individualmente aos actuais titulares.
En total están afectadas nove parcelas que suman unha superficie de 9.500 metros cadrados. O investimento previsto para adquirilas, segundo o orzamento do proxecto de expropiación, sitúase en 57.539,57 euros, a financiar integramente con fondos municipais.
O Concello da Laracha ten proxectadas sobre estes terreos unha serie de actuacións dirixidas a aumentar a superficie de solo público vinculada ao IES Agra de Leborís, mellorar as comunicacións en todo o seu entorno e crear novos equipamentos dotacionais no lugar.
En concreto, as actuacións que se levarán a cabo consistirán, por un lado, na apertura dunha nova vía que discorrerá pola parte posterior do instituto e que comunicaría directamente a avenida Manuel Fraga Iribarne coa 1ª travesía Doutor López Astray, creándose unha circunvalación para facilitar os accesos entre a zona de Santa Lucía (inicio da estrada A Laracha-A Silva) coa vía A Laracha-Soandres (Avenida Doutor López Astray).
Por outra banda, nos terreos situados na marxe esquerda desta nova estrada construirase unha pista multideportiva descuberta de uso libre, a primeira destas características coas que contará a capital municipal.
A adquisición dos terreos é necesaria para, posteriormente, levar a cabo os citados proxectos cos que se renovará por completo este ámbito do casco urbano da Laracha ofrecendo novos servizos e equipamentos á cidadanía.