• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello da Laracha presenta ao IDAE un amplo proxecto dirixido á mellora da eficiencia enerxética

22/07/2017

O Concello da Laracha vén de presentar ao Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE) –organismo dependente da Secretaría de Estado de Energía e adscrito ao Ministerio de Energía, Turismo y Agenda Digital- un amplo proxecto dirixido á mellora da eficiencia enerxética nas instalacións e infraestruturas públicas de titularidade municipal. Faise ao abeiro da convocatoria de subvencións para proxectos singulares promovidos po entidades locais para favorecer o paso a unha economía baixa en carbono no marco do programa operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2010.

O proxecto impulsado polo Concello da Laracha está dividido en cinco áreas de actuación, centrándose tres delas na iluminación pública exterior e outras dúas, en instalacións e edificacións de titularidade municipal. Está valorado en total nnunha cifra próxima aos 1,2 millóns de euros, dos cales un mínimo do vinte por cento serían asumidos con fondos municipais, xa que a subvención máxima, segundo as bases da convocatoria, é do oitenta por cento.

As actuacións proxectadas no exterior afectarían ás máis de catro mil luminarias que forman todo o alumeado público do Concello da Laracha, incluíndo os tres cascos urbanos (A Laracha, Paiosaco e Caión), os máis de trescentos núcleos de poboación rural situados nas trece parroquias do municipio e tamén a zona do parque empresarial. A intención do Concello é substituílas por outras luminarias LED de última xeración, o que posibilitaría diminuír a contaminación lumínica e reducir o consumo eléctrico nunha media estimada en torno ao sesenta e cinco por cento, pero mantendo a mesma calidade no servizo.

En canto a instalacións e edificacións de titularidade municipal, os inmobles nos que se pretende actuar son, por unha banda, a Casa do Concello, o edificio de servizos múltiples, a biblioteca municipal da Laracha e o centro sociocultural de Paiosaco e, por outro lado, os pavillóns polideportivos Municipal da Laracha, IES Agra de Leborís, CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco e o de Xermaña en Caión. No caso dos edificios substituiríanse as luminarias de todos os despachos e zonas comúns para alcanzar un aforro enerxético en torno ao setenta ten por cento. Nos polideportivos serían cambiadas tanto as luminarias das pistas como as dos vestiarios e a redución no gasto eléctrico estimada superaría o cincuenta por cento.

O Concello da Laracha destina anualmente un total duns 300.000 euros ao servizo de iluminación pública na rede viaria e nas citadas instalacións de titularidade municipal. O proxecto que se presenta ao IDAE ten por dobre obxectivo adelgazar ese gasto que se asume con fondos propios e con cargo aos orzamentos xerais municipais ao mesmo tempo que serían reducidas as emisións de dióxido de carbono das actuais luminarias sendo, por tanto, unha actuación respectuosa co medioambiente.

A solicitude desta subvención foi unha das cuestións sometidas nos últimos días a ditame da Comisión Informativa como paso previo a ser elevada ao Pleno ordinario que se celebrará o venres da próxima semana.