Concello
O goberno local elevará ao Pleno da próxima semana a aprobación da ordenanza do servizo Madrugadores
21/07/2017
O Concello da Laracha celebrará o Pleno ordinario correspondente ao mes de xullo o venres da próxima semana (día 28). Os asuntos que serán elevados a esa sesión por iniciativa do grupo de goberno local foron sometidos aos correspondentes ditames das Comisións Informativas.
Na Comisión Informativa de Asuntos Xerais do Pleno tratouse a proposta de aprobación inicial da ordenanza reguladora do servizo Madrugadores, que comezará a ofrecerse no CEIP Otero Pedrayo da Laracha, CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco e CEIP de Caión co inicio do curso escolar 2017-2018. Madrugadores é unha nova iniciativa de axuda á conciliación que o Concello da Laracha prestará no marco do Programa Harmoniza.
Pola súa parte, na Comisión Informativa de Facenda tratáronse varias cuestións. Unha delas foi a aprobación da ordenanza xeral de prezos públicos para actividades e servizos organizados, desenvolvidos e prestados polo Concello da Laracha. Este novo regulamento é necesario ante o aumento nos contidos dos programas municipais culturais, deportivos e sociais que se desenvolven ao longo de todo o ano. Como se viña facendo, será a Xunta de Goberno quen estableza os prezos para cada unha das actividades ou servizos.
Por outra banda expúxose a proposta de transferencia de crédito 2/2017, segundo a que os 27.000 euros correspondentes á baixa na contratación do servizo de roza e desbroce de estradas e parcelas de titularidade municipal serían destinados, precisamente, á achega que o Concello da Laracha asumirá para subvencionar Madrugadores e a cooperar coa Comisión de Festas da Laracha.
Outro dos asuntos será a modificación na base 20 de execución do orzamento xeral municipal que permitirá subvencionar a actividade do Laracha Basket Xiria e reforzar o apoio económico tanto ás Escolas Municipais de Baloncesto da Laracha (EMBAL) como ás festas patronais da capital municipal.
Ademais, proporase bonificar co 95% no imposto sobre instalacións, construcións e obras (ICIO) á actuación de construción do ascensor no edificio de primaria do CEIP Otero Pedrayo da Laracha, tal e como foi solicitado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación, promotora do proxecto. A ordenanza fiscal municipal número 17 establece a posibilidade de aplicar ese incentivo económico ás obras promovidas polas administracións públicas que teñan por finalidade a implantación de servizos de interese comunitario.
Por último, deuse conta á Comisión Informativa de Facenda dunha subvención solicitada ao Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE) relacionada coa mellora da eficiencia enerxética no Concello da Laracha.