• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Unha trintena de usuarios da aula lúdica municipal visitaron as instalacións do punto limpo

18/07/2017

A aula lúdica da Laracha é un servizo municipal gratuíto de axuda á conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas que teñen ao seu cargo nenos de entre tres e doce anos de idade e que o Concello presta no marco do Programa Harmoniza.

Ao longo de todo o ano a veciñanza da Laracha ten á súa disposición esta aula lúdica, que no verán modifica o seu horario abrindo de 9:00 a 14:00 horas para adaptarse ás necesidades que xorden con motivo das vacacións dos centros escolares. É precisamente na época estival cando, ademais dos habituais xogos e actividades ludorecreativas, aproveitando as mellores condicións climatolóxicas se realizan saídas cos nenos, que en todo momento están acompañados polo persoal responsable deste servizo municipal, contando ademais neste ano co apoio dos mozos que están a realizar as prácticas do curso de monitor en actividades de tempo libre que a Escola Galega de Tempo Libre desenvolveu no Concello da Laracha na pasada primavera.

Unha desas saídas foi a visita ao punto limpo da Laracha que tivo lugar onte luns e na que participaron unha trintena de rapaces que, guiados polo responsable de Aspaber -a empresa concesionaria da xestión-, fixeron un completo percorrido por esta instalación de titularidade municipal e coñeceron como é o seu funcionamento e a xestión que se lle dá ao material que neste lugar se deposita por requirir dun tratamento especial. Tamén estiveron presentes o tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito, e a concelleira de Servizos Sociais, Rocío López.

O luns día 7 de agosto a partir das 11:00 horas realizarase unha nova visita ao punto limpo con outro grupo de usuarios da aula lúdica municipal.

A través desta iniciativa o Concello da Laracha pretende reforzar entre os nenos o interese pola reciclaxe e a correcta separación do lixo. Esta é unha cuestión esencial para lograr a xestión sostible dos residuos urbanos baseada na estratexia fundamentada nos eixos coñecidos como “as tres r”: reducir a cantidade de residuos que se xeran, reutilizar os materiais o maior número de veces posible antes de convertelos en lixo e, por último, a reciclaxe baseada na recollida selectiva.