• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello da Laracha amplía a rede de abastecemento de auga en Erboedo de Abaixo

11/07/2017

O Concello da Laracha iniciou a execución do proxecto de ampliación da rede de abastecemento de auga para dotar con este servizo ao núcleo de Erboedo de Abaixo, na parroquia de Erboedo.

Esta obra está valorada en máis de 20.000 euros e foi contemplada como investimento en infraestruturas nos orzamentos xerais deste ano 2017, polo que será financiada integramente con fondos propios municipais.

A actuación conta cunhas características especiais pola súa localización nunha zona rural de protección natural e pola necesidade de que as novas tubaxes –soterradas nunha distancia lineal duns 650 metros- crucen tanto a estrada provincial DP-1913 como a ponte sobre o río Anllóns que existe neste lugar. Por eses motivos requiriu dunha laboriosa tramitación administrativa, que se completou cos informes previos de Augas de Galicia, Deputación Provincial da Coruña, Consellería do Medio Rural, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

Os veciños da zona que desexen beneficiarse do servizo de abastecemento deben presentar a solicitude no Concello para realizar as correspondentes acometidas.

Proxectos dirixidos a incrementar a cobertura da traída da auga son actuacións que no Concello da Laracha se desenvolven con frecuencia por ser considerados polo goberno municipal investimentos prioritarios. O obxectivo é mellorar a calidade de vida dos veciños residentes na zona rural, na que existen máis de trescentos núcleos de poboación en todo o termo municipal.