• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

En marcha os proxectos de renovación da rúa Epifano Campo Núñez e o seu entorno

07/07/2017

A capital municipal da Laracha está a ser obxecto de maneira simultánea de dous proxectos –que xa se atopan, ambos, en fase de execución- dirixidos a renovar a rúa Epifanio Campo Núñez –principal punto de actuación-, tres rúas que enlazan con ela –Coruña, Pontevedra e Suíza- e o seu punto de confluencia coas rúas Eusebio Bértoa Queijo e Luís Martínez Vázquez.

José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, e Jesús Souto, concelleiro responsable das áreas de Urbanismo e Obras Públicas, fixeron unha visita á zona, onde se reuniron coa dirección das obras e con representantes das empresas construtoras para coñecer in situ o desenvolvemento dos primeiros traballos.

O Concello deseñou estas actuacións cos propósitos esenciais de mellorar a accesibilidade e reordenar o tráfico de vehículos neste céntrico punto da vila, que é unha das áreas máis poboadas do municipio, alberga o centro médico e punto de atención continuada e é unha zona comercial de referencia da Laracha.

Os proxectos que se están a executar priorizan a circulación peonil en condicións de seguridade e accesibilidade universal coa completa renovación das beirarrúas, que pasarán a ter unha amplitude mínima de dous metros a ambos lados da calzada, o que tamén permitirá a creación de zonas de descanso nese itinerario e dar unha maior visibilidade aos baixos comerciais.

Ao mesmo tempo, a zona de rodadura dos vehículos será dotada cun novo pavimento e fixarase unha nova ordenación do tráfico, establecendo o sentido único de circulación para posibilitar o mantemento das áreas de aparcadoiro a ambas marxes da calzada e o acondicionamento de novas prazas de estacionamento dirixidas a persoas con mobilidade reducida. Todo isto implicará a renovación da sinalización horizontal e vertical, así como a regulación de todas as interseccións para que sexan claras e seguras tanto para os peóns como para os condutores.

Por outra banda, en todo o ámbito de actuación será renovada e ampliada a rede de recollida de augas pluviais, ademais de respectarse e manterse as infraestruturas existentes de sumidoiros, abastecemento, enerxía eléctrica, iluminación pública, gas e telecomunicacións.

En total serán investidos máis de 300.000 euros entre ambas actuacións. Un dos proxectos   -o referido ás actuacións nas rúas Coruña, Pontevedra, Suiza e o punto de confluencia da rúa Epifanio Campo Núñez con Eusebeio Bértoa Queijo e Luís Martínez Vázquez, valorado en máis de 132.000 euros- é financiado integramente pola Xunta de Galicia con fondos do Plan Hurbe. A obra da rúa Epifanio Campo Núñez (168.000 euros) foi incluída no Plan de Acción Social (PAS), polo que será cofinanciado entre o Concello da Laracha e a Deputación Provincial da Coruña.