• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

O CONCELLO INSTALARÁ PLACAS EN TODAS AS VIVENDAS DE COIRO COA NUMERACIÓN DEFINITIVA

05/04/2016

O Concello da Laracha procederá nos próximos días a instalar en cada vivenda de Coiro unha placa na que se identificará a parroquia, o núcleo de poboación exacto no que se sitúa e o seu número definitivo no padrón municipal.   

Esta actuación –que despois de Coiro se levará ás outras doce parroquias- será a parte final da iniciativa impulsada polo goberno local e dirixida a recuperar a totalidade dos topónimos, o que tamén implicará unha renumeración das vivendas do rural regresando ao ordenamento antigo (anos ’90), que era máis óptimo e acorde ao correcto emprazamento de cada casa que o actual. Ademais, posibilitará manter unha uniformidade nos indicadores ao longo de todo o termo municipal.   

Ao rematarse a execución do proxecto, serán incorporados ao padrón municipal 73 novos topónimos para adaptarse ao total 311 de núcleos de poboación laracheses que actualmente xa están rexistrados no nomenclátor oficial (aprobado pola Xunta de Galicia) e contemplados no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). No caso concreto de Coiro, o padrón municipal pasou de rexistrar 21 topónimos aos 51 actuais.     

Para explicar o motivo polo cal no rexistro municipal non están recollidos nestes momentos os 311 núcleos realmente existentes debemos remontarnos á década dos ‘90, cando foron reguladas de maneira completa no marco da Lei de adaptación da Lei do Solo a Galicia as coñecidas como Normas Subsidiarias Municipais que rexeron o planeamento urbanístico durante máis dunha década.   

Naquel momento o criterio necesario para considerar un lugar como núcleo (e, por tanto, permitir edificar nalgúns dos seus terreos) era que existise previamente un número determinado de vivendas xa construídas. O Concello da Laracha, cos obxectivos de que os terreos de particulares non perdesen valor nin edificabilidade e favorecer o desenvolvemento urbanístico no rural coa creación de novas vivendas unifamiliares, tomou a decisión de agrupar no padrón municipal varios lugares en un único como ferramenta para alcanzar en todos eles o número de vivendas necesario para que nas Normas Subsidiarias Municipais puidesen ser considerados como núcleos urbanizables.   

Desde o ano 2003 o Concello da Laracha ten en vigor o seu PXOM, no que está completamente definido o modelo de desenvolvemento urbano e rural e no que se recollen a totalidade dos 311 núcleos de poboación. Por tanto, a agrupación de lugares á que se decidiu acudir na década dos ’90 carece a día de hoxe de beneficio algún para os propietarios de parcelas situadas en núcleos rurais e mesmo está a provocar nalgúns casos certos problemas relacionados coa numeración das vivendas. É por iso que se pretende recuperar no padrón municipal a nomenclatura anterior, que na realidade é a que os veciños sempre empregaron nas aldeas.   

Para poder incorporar os novos topónimos ao rexistro municipal tamén é preciso o recoñecemento dos mesmos por parte do Instituto Nacional de Estadística (INE), trámite previo a proceder a reempadroar aos veciños dos lugares afectados xa no seu lugar de residencia exacto.

Compartir: