• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

O CONCELLO DA LARACHA CELEBRA O MES DO LIBRO CON CONTACONTOS INFANTÍS E LECTURA DA OBRA DE MANUEL MARÍA

05/04/2016

O día 23 de abril celébrase en todo o mundo Día Internacional do Libro, sendo unha data programada co obxectivo de fomentar a lectura, especialmente entre os nenos. É tamén por ese motivo que abril é considerado como o Mes do Libro.   

O Concello da Laracha, tal e como está a ser habitual nos últimos anos, levará a cabo un amplo programa de propostas para conmemorar o Mes do Libro con varias iniciativas dirixidas a todos os públicos. Levarase a cabo en abril e as bibliotecas municipal da Laracha, Paiosaco e Caión serán protagonistas.   

O venres día 8 ás 18:00 horas a compañía BocAberta traerá á biblioteca da Laracha o espectáculo Carmiña Miudiña, a pinga que quería ser científica. Trátase dun contacontos infantil baseado no respecto á natureza a través dun percorrido polo ciclo da auga.   

O venres da semana seguinte, día 15 de abril e tamén ás 18:00 horas, o programa trasladarase á biblioteca de Paiosaco co espectáculo de monicreques titulado O coelliño branco e que será representado por Trinketrinke Teatro.  

O domingo 24 ás 12:00 horas proponse Os contos do chupete, unha sesión de contos para bebés e as súas familias deseñada por Migallas Teatro mesturando música en directo, literatura infantil, expresión dramática e tradición oral. Levarase a cabo no baixo da biblioteca municipal da Laracha.   

O último evento infantil será o contacontos Riciños de Ouro que realizará Trinketrinke Teatro na biblioteca municipal de Caión o venres 29 de abril a partir das 17:00 horas.   

Manuel María na túa voz   

O autor homenaxeado nas Letras Galegas 2016 será Manuel María, poeta natural do municipio lucense de Outeiro de Rei.   

Para o sábado 23 de abril (Día Internacional do Libro) a partir das 12:00 horas o Concello da Laracha organiza na biblioteca municipal da Laracha unha xornada de lectura pública da obra do autor baixo o título Manuel María na túa voz. Trátase dunha iniciativa dirixida a todos os públicos.   

A asistencia e participación en todas as propostas incluídas no programa do Mes do Libro do Concello da Laracha é gratuíta e non se require de inscrición previa.

Compartir: