• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello mostra o seu interese por organizar unha segunda edición do programa Deseñando o Teu Futuro

19/05/2017

A Xunta de Goberno Local acordou solicitar a participación do Concello da Laracha no programa de apoio e formación á mocidade Deseñando o teu futuro, impulsado desde a Consellería de Política Social da Xunta de Galicia. Trátase dunha iniciativa dirixida a rapaces de entre 14 e 18 anos de idade que consiste na realización de estadías non remuneradas en empresas de diferentes sectores locais escollidos polos propios participantes.

O Concello da Laracha xa organizou o ano pasado un proxecto de similares características. Participaron trinta mozos, que tiveron a posibilidade de adentrarse no coñecemento da actividade profesional mediante a observación e a realización de prácticas, estando titorizados de xeito permanentemente por persoal das empresas e tamén do Concello para orientalos, asesoralos, formalos e axudalos a desempregar o traballo de xeito óptimo. Deseñando o teu futuro é un programa que permitirá aos mozos adquirir coñecementos que lles axuden a descubrir cal pode ser a súa vocación profesional e proporcionarlles a posibilidade de ter un primeiro contacto coa realidade socio-laboral, facilitándolles que adquiran unha experiencia para axudarlles a decidir a súa futura traxectoria.

O Concello da Laracha tamén presentou un proxecto para acollerse á convocatoria da Consellería de Política Social sobre a organización de iniciativas dirixidas á xuventude. No caso de concederse a achega económica, o seu destino sería o desenvolvemento de proxectos de interese para a mocidade e relacionados coa mellora da súa empregabiliade, o emprendemento e a dinamización do rural.

Por outra banda, solicítase a participación no programa de subvencións para o fomento do emprego e da empregabilidade convocado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria coa finalidade de contratar persoal para os equipos de socorrismo e salvamento que operarán na praia de Caión durante o verán. Neste sentido, o Concello da Laracha financia con fondos propios municipais o procedemento de contratación de tres socorristas (dous deles, patróns) que está actualmente aberto. O luns rematará o prazo para que as persoas interesadas presenten a súa solicitude de participación no concurso.