• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello aplaude a aprobación da entrada dos buses da área metropolitana á cidade da Coruña

19/05/2017

O Concello da Laracha aplaude a aprobación por parte do Consello da Xunta de autorizar a entrada dos autobuses da área metropolitana da Coruña na cidade herculina. Unha vez estea implantada a medida, os veciños do noso municipio que sexan usuarios deste transporte público poderán desprazarse directamente ata puntos céntricos da cidade sen necesidade de facer transbordos ou dirixirse previamente á estación de autobuses, coas facilidades que iso implicará para as súas viaxes, ademais do aforro económico directo que suporá.

Esta nova chega poucas datas despois da renovación do convenio acordada recentemente entre a Xunta de Galicia e os municipios que forman parte da área da Coruña do Plan de Transporte Metropolitano, á que pertence o noso municipio desde o ano 2013.

Cabe lembrar que os usuarios do Plan de Transporte Metropolitano poden beneficiarse dun aforro dunha media do corenta por cento no prezo do billete de autobús para os desprazamentos entre os municipios que forman parte da área da Coruña, aplicándose un desconto adicional do quince por cento no caso de que unha persoa realice máis de corenta viaxes nun mes. Ademais, poden realizarse transbordos gratuítos durante os noventa minutos seguintes ao inicio da viaxe, incluídos os buses urbanos da cidade da Coruña

As persoas empadroadas no Concello da Laracha que desexen beneficiarse do Plan de Transporte Metropolitano deben solicitar nas oficinas de Abanca da Laracha e de Paiosaco as súas tarxetas, que non son nominativas e o saldo non ten caducidade. Os mozos de entre 4 e 18 anos de idade (os menores de catro xa viaxan gratis) poden solicitar –tamén nas oficinas de Abanca- a tarxeta Xente Nova de transporte metropolitano de Galicia, que permite realizar  todas as viaxes interurbanas gratuítas entre os municipios adheridos ao programa.