• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A Laracha será sede dun proxecto de irmandamento no marco do programa Europa Para os Cidadáns

20/05/2017

O Concello da Laracha será sede do martes 23 ao domingo 28 de maio do proxecto Creating bridges for a Civic and Democratic Europe (Creando pontes para unha Europa cívica e democrática), que se desenvolverá no marco do programa Europe for Citizens (Europa para os cidadáns).

Trátase dunha iniciativa para o irmandamento na que actuarán como socios os municipios de Forza D’Agro (Italia), Birgu (Malta), Ligatne (Letonia) e Ukmerge District (Lituania), ademais da asociación Institúcia regionálnych aktivít Novohradu (limítrofe entre Hungría e Eslovaquia).

En plena consonancia cos obxectivos xerais do programa Europe for Citizens, a iniciativa impulsada polo Concello da Laracha procura buscar un maior achegamento entre municipios europeos  para lograr intercambios económicos, sociais, culturais e xuvenís para, deste xeito, cooperar no desenvolvemento de todos os participantes.

Creating bridges for a Civic and Democratic Europe reunirá no Concello da Laracha a 42 representantes dos municipios e entidades citados anteriormente -procedentes de diferentes rexións da Unión Europea- co propósito de promover a comprensión mutua, mellorar a tolerancia entre cidadáns, fomentar a diversidade lingüística e contribuír ao diálogo intercultural.

A metodoloxía das xornadas será diversa, contemplándose actividades como reunións, obradoiros, debates públicos e, entre outros, intercambios de boas prácticas. Tamén se realizarán visitas guiadas a puntos de interese da zona. En todo caso, promoverase o diálogo intercultural, a diversidade de coñecementos e os distintos valores de cada participante por medio da comparación construtiva de opinións para acadar o enriquecemento mutuo e definir dereitos fundamentais comúns. 

O acto central desenvolverase na mañá do sábado 27 de maio na Casa da Cultura da Laracha coa sinatura do xuramento de irmandamento por parte dos socios do proxecto. Antes, na xornada do mércores 24, os participantes serán recibidos en Santiago de Compostela por Cecilia Vázquez, a Directora Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Breve descrición dos socios participantes

  • Forza D’Agro (Italia): municipio costeiro, cunha poboación inferior aos mil habitantes, situado na provincia de Mesina, na rexión italiana de Sicilia.
  • Birgu (Malta): trátase dunha das tres cidades máis importantes do país, situada na rexión de Cottorena, ao sur de Malta. Conta cuns 2.600 habitantes e unha destacada importancia histórica. Chegou a ser a capital do país no século XVI. 
  • Ligatne (Letonia): pequeno municipio de apenas 1.200 habitantes situado na zona interior do país e fundado no ano 2009. Especialmente interesado no desenvolvemento sostible. 
  • Ukmerge District (Lituania): é unha das cidades lituanas máis antigas e sitúase na zona interior do país. Conta cunha poboación superior aos 22.000 habitantes.
  • Institúcia regionálnych aktivít Novohradu (limítrofe entre Hungría e Eslovaquia): asociación que centra a súa actividade na conservación do patrimonio cultural e o desenvolvemento da rexión histórica e fronteiriza de Nógrád.