• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello inicia unha campaña para informar da obriga de manter en boas condicións os terreos urbanos

12/05/2017

O Concello da Laracha iniciou o desenvolvemento dunha campaña informativa dirixida a lembrar á cidadanía a obriga de que os propietarios dos terreos, construcións, instalacións e edificios situados nos núcleos urbanos da Laracha, Paiosaco e Caión os manteñan en boas condicións para garantir a seguridade, salubridade, accesibilidade universal e ornato público, tal e como se establece na Lei 2/2016, de 10 de febreiro, do solo de Galicia.

No bando municipal publicado nos últimos días solicítase a máxima colaboración dos propietarios, xa que a lexislación establece que os solares deben atoparse en todo momento nun axeitado estado de limpeza e coa masa vexetal rozada para evitar prexuízos á cidadanía.

En caso de incumprimento desta normativa, o Concello da Laracha podería proceder á execución subsidiaria dos traballos de limpeza repercutindo o custo nos titulares das fincas, sen prexuízo da apertura do correspondente expediente sancionador.