• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Unha quincena de persoas participan no obradoiro “en familia todos contan” impartido por adafad

12/05/2017

O obradoiro titulado “En familia todos contan” que imparte na Laracha a Asociación de Ayuda a Familias de Drogodependientes (ADAFAD) coa colaboración do Concello e o financiamento da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, está a contar cunha quincena de mulleres participantes que cubriron todas as prazas ofertadas.

O programa consta de cinco sesións, de noventa minutos de duración cada unha. Hoxe desenvolveuse a segunda delas e as próximas serán nos tres seguintes venres (19 e 26 de maio e 2 de xuño) en horario de 10:00 a 11:30 horas. 

O obradoiro vai dirixido aos pais e nais, xa que o obxectivo é favorecer nos participantes o desenvolvemento das habilidades e recursos necesarios para afrontar as tarefas de educación dos seus nenos, incrementando os factores de protección fronte aos problemas en xeral e, especificamente, sobre o consumo de substancias. Entre as cuestións que se están a tratar salientan como afrontar os conflitos que xorden nas familias, as técnicas axeitadas para falar e escoitar aos fillos e como debe ser o procedemento de toma de decisións no ámbito doméstico.

A metodoloxía consiste en traballos cooperativos con dinámicas de grupo a partir de técnicas de participación activa, sempre co propósito de fomentar ao máximo a participación dos asistentes. En todo momento cóntase, tamén, co apoio de tecnoloxía multimedia. Aínda que hai fixado un programa do obradoiro, os seus contidos vanse adaptando ás características e necesidades do grupo.