• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Formalizado o contrato da obra de renovación das beirarrúas en epifano campo núñez

13/05/2017

José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, e o representante do Grupo Constructor SYR-AMG, S.L.U. formalizaron o contrato de execución do proxecto relativo á renovación das beirarrúas en Epifanio Campo Núñez.

A actuación consiste no aumento da superficie do espazo para transitar a pé nesta rúa na que se sitúa o centro médico e punto de atención continuada da Laracha, e que tamén é unha destacada zona comercial da capital municipal. Deste xeito mellorarase a accesibilidade adaptándoa a persoas con diversidade funcional e a beirarrúa será dotada con mobiliario urbano, ademais de acometerse a canalización da rede de pluviais e a correspondente sinalización horizontal e vertical para indicar o novo ordenamento do tráfico.

Unha vez asinado o contrato, está previsto que as obras comecen a executarse nos próximos días. O proxecto está valorado en máis de 168.000 euros.

O Concello da Laracha promove esta ambiciosa e ampla actuación que afecta a todo o trazado da rúa Epifanio Campo Núñez, desde o seu punto de confluencia coa rúa Coruña e ata o entronque coa rúa Luís Martínez Vázquez. O ámbito supera os tres mil metros cadrados de superficie.