• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Deportes

O campus de baloncesto pecha hoxe cinco xornadas de deporte e diversión

07/08/2026

Cinco xornadas para aprender, mellorar e, sobre todo, desfrutar do baloncesto. Así transcorreu esta semana unha nova edición do Campus de Baloncesto que desde o pasado luns e ata hoxe reuniu no Pavillón Municipal da Laracha a 20 rapaces de entre 6 e 15 anos.

Ao longo destes días os participantes tiveron a oportunidade de traballar diferentes aspectos do xogo a través de adestramentos e exercicios adaptados ás súas idades e niveis. Os cinco adestradores especializados que estiveron ao seu cargo combinaron o traballo técnico e táctico con xogos e actividades máis dinámicas, facendo que a aprendizaxe se desenvolvese nun ambiente de diversión e compañeirismo.

O campus, que este ano alcanzou a 16ª edición, está pensado tanto para aqueles nenos que xa teñen experiencia co baloncesto como para os que queren achegarse por primeira vez a esta disciplina. Ademais de mellorar as habilidades propias dese deporte, a actividade permitiulles compartir tempo con outros rapaces e reforzar valores como o traballo en equipo, o respecto polos compañeiros e o esforzo.

A proposta forma parte da programación municipal de verán, que ao longo destas semanas ofrece diferentes alternativas deportivas, culturais e de lecer para todos os públicos, e especial para a infancia e a mocidade da Laracha. O obxectivo é que as vacacións escolares sexan tamén unha oportunidade para manterse activos e descubrir novas afeccións.