• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A RENOVACIÓN DA PRAZA EDUARDO VILA FANO DE CAIÓN COMEZARÁ DESPOIS DAS FESTAS DOS MILAGRES

06/05/2017

José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, e Luis Antonio García, representante da sociedade Oviga, Obras y Viales de Galicia, S.L., asinaron o contrato da obra de remodelación da praza Eduardo Vila Fano de Caión. A proposta do Concello, nese acordo que foi rubricado incluíuse que as obras comecen o 15 de setembro, unha vez rematadas as Festas dos Milagres, co propósito de non crear molestias a veciños e visitantes durante a época estival.

O ámbito de actuación é de 1.917 metros cadrados de superficie, contemplándose a completa renovación do pavimento coa colocación dun novo de pedra. Ademais, realizaranse melloras na iluminación pública en toda esta zona.

A obra foi proxectada con dous obxectivos prioritarios, diferentes pero complementarios. Por unha banda, mellorar e adecuar o pavimento á importancia do lugar no que Caión recibe aos seus veciños e visitantes, ademais de albergar edificios históricos como a Igrexa parroquial da Nosa Señora do Socorro e o pazo dos Condes de Graxal. Por outro lado, reordenar os seus espazos para optimizar o seu uso, facendo a praza máis cómoda tanto para a circulación dos vehículos como para o tránsito peonil e, tamén, máis atraínte para os establecementos da zona.

O proxecto está valorado en 160.000 euros. Para o seu cofinanciamento, o Concello da Laracha contará cunha achega económica da Deputación Provincial da Coruña.