• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

EN MARCHA AS OBRAS DE RENOVACIÓN DA PRAZA DO CONCELLO

02/05/2017

As obras de renovación da Praza do Concello están en marcha desde hoxe. Tal e como fora consensuado polo goberno local e a empresa contratista -Innova Profesional Desarrollos, S.L.U.- os traballos comezaron a executarse esta mañá, despois da Semana Santa e da ponte do 1 de maio, co propósito de causar á veciñanza as mínimas molestias posibles para unha obra destas características.

O proxecto contempla a completa renovación do pavimento nos 1.780 metros cadrados de superficie da praza, na que se sitúa a Casa Consistorial, ademais dun parque infantil e de zonas verdes equipadas con mobiliario urbano.

Antes das obras diferenciábanse dous tipos de pavimento: un de lousas de granito –en cor grisácea, material de maior resistencia e durabilidade- e outro de pizarra –en ton negro e que se atopaba deteriorado polo seu uso durante os últimos anos-. A actuación proxectada respecta o deseño actual da praza, centrándose os traballos na substitución do pavimento de pizarra por outro de granito e na realización de reparacións puntuais nas áreas que xa contan co granito, pero que presentan certos danos ou imperfeccións.

A construción de novos edificios de vivendas no centro da capital municipal ao longo dos últimos anos supuxo que determinados puntos da praza sexan agora zonas sombrías nas que a pizarra presentaban certas humidades que implicaban incomodidades para o tránsito a pé. O novo material terá un máis óptimo e axeitado acabado para resolver dito problema e facilitar a mobilidade dos peóns.

Este proxecto suporá un investimento total de 70.000 euros, que serán cofinanciados entre o Concello da Laracha e a Deputación Provincial da Coruña.