Concello
O VICEPRESIDENTE DA XUNTA, ALFONSO RUEDA, VISITOU O CONCELLO DA LARACHA
02/05/2017
Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta de Galicia, Ovidio Rodeiro, delegado territorial da Xunta na provincia da Coruña, e Marta Fernández Tapias, directora xeral de Administración Local, visitaron hoxe o Concello da Laracha, onde se reuniuron cunha ampla representación do goberno local encabezada polo alcalde, José Manuel López Varela.
O motivo principal do encontro foi interesarse polo resultado das obras de mellora do lucernario da piscina municipal da Laracha, proxecto no que foron investidos 60.000 euros, contándose cunha subvención da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia que alcanzou o setenta e cinco por cento do custe total do proxecto. As actuacións, xa finalizadas, permitiron reforzar os piares da estrutura do lucernario e resolver os problemas de condensación que presentaba a instalación, ademais de acometer outras melloras de menor entidade (portas, ventás, etc.).
Acompañados por un responsable da empresa concesionaria da xestión e explotación desta instalación municipal, a comitiva realizou un completo percorrido por todas as estancias do complexo deportivo da piscina municipal da Laracha, incluíndo tamén a zona dos ximnasios.
Previamente, na Casa do Concello o alcalde, José Manuel López Varela, agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia para levar a cabo esa “actuación de urxencia na piscina municipal”, obras realizadas nunha “instalación que conta con moitísimos usuarios” estando, por tanto, ante un proxecto “cun importante tratamento social”.
Alfonso Rueda referiuse á mellora do lucernario da piscina da Laracha como “un pequeno exemplo das moitas actuacións que se fan ao longo do ano” con financiamento da Vicepresidencia, que permite que sexan os propios concellos quen as elixan porque “cada un sabe ben onde debe actuar”.