• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O CONCELLO MELLORA A REDE DE SANEAMENTO E CANALIZA A LIÑA ELÉCTRICA XUNTO Á PRAIA DE CAIÓN

26/04/2017

O Concello da Laracha está acometendo simultaneamente dous proxectos dirixidos a mellorar os servizos básicos da praia de Caión nos que se invisten, en total, preto de 70.000 euros, financiados integramente con fondos propios municipais.

Por unha banda estase a mellorar a rede de saneamento de residuais, á que se incorporará un novo sistema de bombeo. O outro proxecto consiste na canalización soterrada da liña eléctrica que, ademais, será reforzada e dotada cunha maior potencia, o que permitirá dar resposta a calquera tipo de necesidade que poida presentarse nesta zona na que se ubicarán, durante o verán, as dependencias do equipo de socorrismo e salvamento.

As actuacións completaranse coa reposición do pavimento e o repintado das prazas de estacionamento situadas na zona máis próxima á entrada principal da praia, área destinada a uso exclusivo dos vehículos de emerxencias e tamén dos condutores con diversidade funcional.

As obras estanse levando a cabo dous meses antes do inicio da temporada estival co dobre obxectivo de que os novos equipamentos xa estean operativos nese momento e de causar as mínimas molestias aos usuarios do areal, dado que a execución do proxecto –que implica a presenza de maquinaria pesada e a apertura do pavimento- supón o corte ao tránsito de vehículos das dúas zonas de aparcamento situadas xunto á praia.

José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, e Jesús Souto, edil responsable das áreas de Urbanismo e Obras Públicas, desprazáronse hoxe a Caión, para coñecer persoalmente o resultado dos traballos realizados. A previsión é que as obras finalicen ao longo da próxima semana.