• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

O GOBERNO LOCAL PRETENDE REFORZAR O PERSOAL ADSCRITO AOS SERVIZOS SOCIAIS CONTRATANDO TRES NOVOS EMPREGADOS

05/04/2016

A Xunta de Goberno Local do Concello da Laracha acordou, na reunión ordinaria celebrada o 30 de marzo, presentar á Consellería de Política Social o proxecto anual para participar no programa de servizos sociais comunitarios municipais da Xunta de Galicia.   

Neste ano o goberno local pretende, con cargo a esa liña de axudas autonómicas, reforzar o persoal adscrito ao departamento de servizos sociais contratando tres novos empregados: un traballador social, un auxiliar administrativo e un educador familiar.   

O obxectivo, ademais da conseguinte creación de postos de traballo, é contar con máis recursos humanos para optimizar o labor que se está a desenvolver e poñer en marcha novas iniciativas, programas e servizos a disposición da cidadanía, en especial daqueles colectivos que requiren dunha maior atención por parte da administración local, tales como as familias con nenos ao seu cargo, persoas en risco de exclusión social, a terceira idade, persoas que se atopan en situación de dependencia, etc.   

O departamento de servizos sociais, que coordina a concelleira Rocío López, conta actualmente con sete empregados: un técnico de servizos sociais, dous traballadores sociais, dous auxiliares administrativos, unha psicóloga e unha avogada.   

Ademais, a outra axuda que se solicita con cargo á mesma convocatoria é a relacionada co cofinanciamento dos custos da prestación do servizo de axuda no fogar por dependencia, do que actualmente se benefician no Concello da Laracha 49 usuarios.   

En total, entre as dúas liñas subvencionables –contratación de persoal e servizo de axuda no fogar por dependencia- o importe conxunto da achega solicitada polo Concello da Laracha á Consellería de Política Social da Xunta de Galicia ascende a 338.594,66 euros.   

Os servizos sociais son prioritarios na axenda do goberno local. A este departamento, segundo se reflicte nos orzamentos para o exercicio económico 2016, destinaranse un de cada nove euros que ingresen as arcas municipais ao longo do presente ano, isto é, en torno ao 11% dos presupostos.   

Festival do humor   

Na Xunta de Goberno Local tamén se fixou en cinco euros o prezo público para as entradas da cuarta edición do Festival do Humor da Laracha. O programa contará con destacados cómicos e monologuistas do panorama galego, que se subirán ao escenario da Casa da Cultura todos os venres do mes de maio pola noite.   

En próximas datas o Concello da Laracha fará público o cartel e porá á venda as entradas.

Compartir: