O CONCELLO ACOMETE A PODA DE ÁRBORES EN PRAZAS E ZONAS PÚBLICAS MUNICIPAIS
01/02/2016
No Concello da Laracha estanse levando a cabo as labores específicas de poda de árbores situadas en prazas e zonas públicas dos cascos urbanos da Laracha e Paiosaco, así como en puntos de encontro de referencia das parroquias de Vilaño e de Golmar que requiriron deste tipo de traballos.
Durante a xornada de hoxe os operarios actuaron na Praza do Concello, centrándose especialmente na poda de dúas palmeiras e un sauce chorón. Ademais de mellorar a estética e a previr que se produzan danos por posibles caídas de materia vexetal, impedirase que as pólas poidan causar molestias á zona na que se sitúa a parada de taxis e tamén ás vivendas próximas.
Outro dos puntos de actuación no casco urbano da Laracha foi a praza do centro sociocultural de Santa Lucía –parte posterior do centro médico da Laracha-, onde foi podada unha árbore de gran frondosidade que ameazaba con invadir parte da beirarrúa. Previamente acometéranse traballos de similares características no interior do recinto do IES Agra de Leborís, concretamente no acceso ao pavillón polideportivo desde a entrada principal do centro. Na parroquia de Vilaño o punto de actuación na Praza de Areosa foi a parte posterior do centro sociocultural, onde existe unha zona de descanso equipada con bancos, mesas, iluminación pública e un parque infantil.
En Golmar foron podadas as árbores do interior do campo de Lamas, lugar no que se sitúa o centro sociocultural e ámbito que tradicionalmente alberga os eventos lúdicos e festivos da parroquia.
Salientar, por último, a actuación que se está a desenvolver no campo da feira de Paiosaco. Ademais do correspondente mantemento –especialmente nos cipreses-, estase a realizar un estudo para comprobar o estado de todas as árbores tras detectar que no recinto hai varias danadas e mesmo algunhas delas secas que é preciso retirar.
Todas as actuacións de poda das árbores, triturado das pólas, recollida de follas e transporte para a súa eliminación, ademais do citado informe do campo da feira de Paiosaco, están a ser executadas a instancias do Concello da Laracha pola empresa Thaler S.A., concesionaria do servizo municipal de limpeza e mantemento de zonas verdes.