Concello
O Concello informa da situación administrativa da estación base de telefonía proxectada na Botica, xunto ao CEIP Otero Pedrayo
26/03/2026
O Goberno local convocou a Xunta de Portavoces celebrada hoxe antes do Pleno ordinario para dar conta aos grupos municipais da situación na que se atopa o proxecto de instalación dunha estación base de telefonía móbil no núcleo da Botica, nunha parcela situada xunto ao CEIP Otero Pedrayo, cuestión que desde o primeiro momento espertou inquietude entre a comunidade educativa e a veciñanza da zona.
O proxecto fora presentado no ano 2023. Nese momento, desde o Concello solicitouse á empresa promotora documentación complementaria e as autorizacións sectoriais preceptivas, ao tempo que se lle trasladou que o emprazamento proposto non parecía o máis axeitado tendo en conta a súa proximidade ao colexio con máis alumnado do termo municipal e as características da instalación prevista, consistente nunha torre de 40 metros de altura. Paralelamente, informouse tamén á veciñanza sobre esta circunstancia.
Ao longo deste proceso producíronse diferentes iniciativas de rexeitamento por parte da cidadanía, entre elas as recollidas de sinaturas impulsadas pola ANPA O Acevo, veciñanza da contorna e mesmo por tres dos catro copropietarios da parcela afectada. Esa documentación foi rexistrada no Concello e posta en coñecemento da empresa.
As obras chegaron a iniciarse sen contar coas autorizacións sectoriais esixidas, o que motivou a súa paralización por parte do Concello. A día de hoxe, esa paralización continúa en vigor.
En decembro de 2025 produciuse unha modificación na normativa aplicable que cambia de maneira significativa o escenario administrativo ao non requirirse o informe sectorial de Medio Rural. En base a esta nova regulación, a empresa promotora solicitou o levantamento da paralización das obras.
O Concello mantivo recentemente encontros coas persoas e colectivos que promoveron as recollidas de sinaturas para explicarlles esta nova situación, na que as marxes de actuación municipal quedan moi condicionadas. Na práctica, este tipo de instalacións están suxeitas a un réxime de declaración responsable que permite ao promotor executar as obras desde a presentación do proxecto, sempre que cumpra cos requisitos establecidos.
Neste contexto, a intervención do Concello limítase a verificar que o uso do solo é compatible e que se dispoñen das autorizacións sectoriais que resulten preceptivas.
Toda esta información foi trasladada tamén aos grupos municipais na Xunta de Portavoces celebrada no día de hoxe.
O Concello da Laracha continuará facendo un seguimento do expediente e mantendo informada á veciñanza, actuando en todo momento dentro das súas competencias e coa vontade de atender unha preocupación compartida pola comunidade educativa do CEIP Otero Pedrayo e a veciñanza.

