• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A Corporación municipal mostra o seu rexeitamento ao proxecto da planta de biogás de Soandres

26/03/2026

A Corporación municipal da Laracha expresou no Pleno ordinario celebrado hoxe o seu rexeitamento unánime -refrendado polos tres grupos municipais- ao proxecto de instalación dunha planta de biogás no lugar de Vista Alegre da parroquia de Soandres, deixando clara a súa oposición a unha iniciativa que xerou unha fonda preocupación entre a veciñanza.

Durante a sesión o alcalde, José Manuel López Varela, explicou a postura contraria do grupo de goberno a esta iniciativa, subliñando que o Concello defenderá por riba de todo os intereses da veciñanza e a protección do entorno. Neste sentido, tamén quixo trasladar unha mensaxe de claridade sobre o procedemento administrativo, indicando que a Xunta de Galicia ten a obriga legal de tramitar todos os proxectos empresariais que se presentan ante a Administración, que son analizados polos técnicos autonómicos con rigor e profesionalidade, especialmente desde o punto de vista ambiental, e que serán os informes sectoriais e a avaliación ambiental os que determinen a súa viabilidade. O rexedor recalcou que este procedemento é garantista e que só saen adiante aquelas actuacións compatibles coa protección do medio ambiente.

Ademais, comprometeuse a que, no momento no que o proxecto estea en exposición pública, o Concello convocará á veciñanza a unha xuntanza informativa coa participación de persoal técnico municipal na que se explicará en detalle o proxecto, a postura municipal e facilitarase a presentación de alegacións, incluíndo a elaboración dun modelo tipo para que calquera persoa poida sumarse ao proceso.

No transcurso do Pleno, veciños presentes tiveron tamén a oportunidade de intervir para expresar a súa preocupación e posicionamento sobre esta cuestión. O alcalde agradeceu a súa presenza e participación, reiterando o compromiso do Concello de actuar en defensa dos intereses xerais da cidadanía.

Aprobación inicial da modificación do PXOM

O Pleno aprobou con carácter inicial a modificación puntual número 7 do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), unha iniciativa estratéxica orientada a adaptar o planeamento urbanístico ás necesidades actuais do municipio. O acordo saíu adiante tamén co respaldo unánime da Corporación.

Tal e como explicou o alcalde, esta modificación permitirá ampliar os espazos destinados a usos educativos e dotacionais, reforzando as posibilidades de crecemento dos centros de ensino e mellorando os servizos á poboación. Ademais, destacou o potencial dun ámbito situado á entrada da Laracha, a carón da AC-552, como localización idónea para a futura creación dun gran centro social e cultural con novas instalacións, bos accesos e amplo espazo de aparcamento, chamado a converterse nun referente no termo municipal.

O documento será sometido agora a información pública durante dous meses, continuando así a súa tramitación conforme á normativa vixente.

Plan especial do Igrexario de Lestón

Tamén se deu luz verde, por unanimidade, ao Plan especial do entorno da igrexa parroquial de San Martiño de Lestón. Neste caso a aprobación elévase a definitiva, culminando a tramitación urbanística necesaria para avanzar nos trámites dunha actuación estratéxica para a segunda parroquia máis poboada do concello.

Este proxecto permitirá a creación dunha nova praza pública con zona de estacionamento, mellorando a accesibilidade peonil e reorganizando as conexións viarias nun punto clave. A intervención contribuirá a reforzar a funcionalidade e a seguridade do espazo, ademais de poñer en valor o seu papel como lugar de encontro para a veciñanza.

Bonificacións taxa recollida de lixo

Coa única abstención do grupo municipal socialista saíu adiante a proposta de interpretación da nova ordenanza fiscal 3.4 reguladora da taxa pola recollida de lixo co obxectivo de poder aplicar, xa no ano en curso, unha bonificación do 10 % a aquelas vivendas que participen de forma activa en programas municipais dirixidos a protexer o medio ambiente a través da correcta separación dos residuos. Para poder beneficiarse deste incentivo, é preciso darse de alta no programa Ti tes a chave para o emprego do contedor marrón nos núcleos urbanos e o de compostaxe doméstica nas vivendas rurais.

José Manuel López Varela avanzou que nos próximos días se abrirá o prazo de solicitude que rematará o 1 de xuño, e que a rebaixa anual se aplicará íntegra no recibo do segundo semestre.

Bonificación no ICIO

Por último, a Corporación aprobou por unanimidade a concesión dunha bonificación do 95 % no imposto de construcións, instalacións e obras (ICIO) ao proxecto de creación dunha nave industrial no ámbito do parque empresarial promovido pola firma Rodríguez Amado - dedicada ao sector da fontanería en construción e ás obras hidráulicas- no parque empresarial da Laracha.

Este incentivo supón que a empresa pasará de abonar 7.810 euros a tan só 390 euros por este concepto, ao tratarse dunha actuación considerada de especial interese municipal por contribuír ao fomento do emprego e á dinamización económica local.