• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O alcalde e a concelleira de Ensino reciben aos participantes no intercambio escolar do IES Agra de Leborís co Amiral Merveilleux du Vignaux de Les Sables d´Olonne

25/03/2026

A Laracha acolle durante esta semana a un grupo de trece alumnos e dous profesoras do departamento de español do centro francés Collège Amiral Merveilleux du Vignaux, do municipio de Les Sables d’Olonne co que está irmandada o noso Concello. Participan na cuarta edición do programa de intercambio co IES Agra de Leborís, no que tamén forman parte trece estudantes laracheses e dous docentes do departamento de francés dese centro de ensino.

Este mediodía o alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Ensino, Patricia Bello, recibiron á comitiva na Casa da Cultura da Laracha. Durante o acto proxectouse un vídeo de presentación do municipio para dar a coñecer aos visitantes os principais atractivos sociais, culturais e patrimoniais da Laracha. Ademais, e os representantes municipais fixeron entrega de agasallos conmemorativos tanto aos centros educativos como a todos os participantes.

López Varela puxo en valor este tipo de iniciativas que contribúen a reforzar os vínculos entre localidades irmandadas e favorecen o desenvolvemento persoal e académico da mocidade. Tamén agradeceu a implicación dos equipos docentes na organización do programa e animou ao alumnado a aproveitar ao máximo a experiencia.

Os estudantes franceses, que cursan o equivalente a 3º de ESO, permanecerán na Laracha ata o próximo domingo convivindo coas familias do alumnado participante, o que lles permite unha inmersión directa na lingua e na cultura.

Ao longo da semana estase a desenvolver un completo programa de actividades que inclúe un percorrido polo termo municipal da Laracha, visitas á Coruña, Santiago de Compostela e a diferentes puntos da Costa da Morte, ademais dun roteiro a pé pola contorna de Caión.

O alumnado do IES Agra de Leborís completará o intercambio coa viaxe a Les Sables d’Olonne prevista entre os días 3 e 10 de maio, dando continuidade a unha iniciativa que segue a consolidarse ano tras ano.