Concello
A Xunta de Goberno Local aproba os estatutos e bases da xunta de compensación do Plan de sectorización “Cerámicas Campo”
04/03/2026
A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe con carácter inicial o proxecto de estatutos e bases de actuación da Xunta de Compensación do polígono único do Plan de Sectorización “Cerámicas Campo”, un novo paso administrativo que permitirá avanzar cara á execución material deste ámbito de solo urbanizable.
Co Plan de Sectorización xa aprobado, o acordo de hoxe da Xunta de Goberno permite aos promotores avanzar cara o instrumento de xestión urbanística necesario para facer efectiva a súa urbanización. A iniciativa foi presentada polos propietarios que superan o 50% da titularidade do ámbito, encabezados pola entidade Epifanio Campo S.L., cumprindo así o requisito establecido na lexislación urbanística vixente para a aplicación do sistema de compensación.
O ámbito afectado polo Plan de Sectorización abrangue unha superficie total de 388.500 metros cadrados. O desenvolvemento previsto permitirá a ordenación e urbanización destes terreos, situados xunto á actual factoría de Campo no polígono industrial, para a creación dun parque empresarial privado.
Entre as determinacións máis relevantes do plan destacan:
- Un aproveitamento lucrativo máximo de 256.930 metros cadrados.
- A cesión ao Concello do 10% dese aproveitamento lucrativo.
- A reserva de 36.876 metros cadrados para zonas verdes.
- Aproximadamente 15.000 metros cadrados destinados a parque deportivo e equipamentos comercial e social.
- A cualificación de 26.000 metros cadrados como sistema viario.
- A creación de 649 prazas de aparcamento vinculadas á rede viaria.
Coa aprobación inicial dos estatutos e bases de actuación abrirase agora un período de información pública dun mes, durante o cal os propietarios e titulares de dereitos no ámbito poderán formular alegacións e solicitar a súa incorporación á futura Xunta de Compensación.
Unha vez superado este trámite e producida a aprobación definitiva, deberá constituírse formalmente a Xunta de Compensación no prazo máximo de tres meses, o que permitirá iniciar a fase de execución das obras de urbanización conforme ao sistema de compensación previsto na Lei do Solo de Galicia.
Este acordo supón, por tanto, un avance decisivo na tramitación dun proxecto estratéxico para o desenvolvemento económico do municipio, ao habilitar os mecanismos necesarios para transformar o planeamento aprobado nunha realidade urbanística efectiva.
Plan Camiña Rural 2026-2027
Na Xunta de Goberno Local tamén se confirmou a inclusión do proxecto de mellora viaria no lugar de Vista Alegre da parroquia de Soandres, no Plan Camiña Rural 2026-2027 impulsado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), dependente da Consellería do Medio Rural. A intervención prevista contempla a renovación da superficie de rodadura dos vehículos e a ampliación da plataforma da calzada nun sector da vía, ademais da sinalización horizontal e vertical. O proxecto presenta un orzamento superior aos 123.000 euros.
Solicitudes de subvención
Noutra orde de asuntos, acordouse concorrer á liña de axudas da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia dirixida á promoción da igualdade enmarcada no Plan Corresponsables. Ten por fin cofinanciar o servizo municipal de axuda á conciliación que se presta a través do Programa Harmoniza.
Tamén se presentan propostas a cinco liñas de axudas do Fondo de Compensación Ambiental da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes dirixidas á adquisición de contedores para reforzar a recollida selectiva de residuos sólidos urbanos, novos equipamentos dos puntos limpos fixo e móbil, elaboración de material informativo sobre separación de residuos e organización de obradoiros dirixidos a promover a reutilización do material téxtil.
Licencias urbanísticas
Por último salientar que foron concedidas dúas licencias de obra para a construción de novas vivendas unifamiliares, ambas na parroquia de Torás.

