Concello
A LARACHA ACOLLERÁ O OBRADOIRO “EN FAMILIA TODOS CONTAN” IMPARTIDO POR ADAFAD
22/04/2017
A Asociación de Ayuda a Familias de Drogodependientes (ADAFAD) impartirá na Laracha o obradoiro titulado “En familia todos contan”, iniciativa que se desenvolverá coa colaboración do Concello e o financiamento da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.
O programa consta de cinco sesións, de noventa minutos de duración cada unha, que se levarán a cabo nas instalacións do novo edificio administrativo da Laracha os venres 5, 12, 19 e 26 de maio e 2 de xuño en horario de 10:00 a 11:30 horas.
O obradoiro vai dirixido, fundamentalmente, aos pais que afrontan dificultades importantes na educación dos seus fillos, xa que o obxectivo é favorecer nos participantes o desenvolvemento das habilidades e recursos necesarios para afrontar esas tarefas, incrementando os factores de protección fronte aos problemas en xeral e, especificamente, sobre o consumo de substancias. Entre as cuestións a tratar salientan como afrontar os conflitos que xorden nas familias, as técnicas axeitadas para falar e escoitar aos fillos e como debe ser o procedemento de toma de decisións no ámbito doméstico.
A metodoloxía consistirá en traballos cooperativos con dinámicas de grupo a partir de técnicas de participación activa, sempre co propósito de fomentar ao máximo a participación dos asistentes. En todo momento contarase, tamén, co apoio de tecnoloxía multimedia. Aínda que hai fixado un programa do obradoiro, os seus contidos iranse adaptando ás características e necesidades do grupo.
O prazo para anotarse abrirase o luns, e debe facerse, de xeito gratuíto, no departamento de Servizos Sociais (novo edificio administrativo da Laracha). Hai doce prazas dispoñibles, que se outorgarán por estrita orde de inscrición.