Concello
O Centro de Formación e Recursos da Coruña organiza na Laracha unha sesión do espazo Educa–Creando Pontes
28/02/2026
O Concello colabora co Centro de Formación e Recursos da Coruña -dependente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional- na organización dunha actividade formativa dirixida ás familias dentro do programa Xuntos na Educación, integrado no Espazo Educa–Creando Pontes.
O obradoiro será dirixido por Nélida Zaitegi, referente no ámbito educativo nacional e internacional e experta en convivencia escolar e benestar educativo. A súa intervención supón unha oportunidade para reflexionar de maneira compartida sobre a educación dos fillos, intercambiar inquedanzas e coñecer claves prácticas que contribúan ao seu crecemento persoal e académico.
A xornada desenvolverase o martes 10 de marzo, de 17:30 a 19:30 horas, na Casa da Cultura da Laracha.
As persoas interesadas deben formalizar a súa inscrición gratuíta a través deste FORMULARIO en liña.
Ofrecerase ás persoas participantes o servizo de conciliación, que deberá solicitarse previamente.
Con esta nova convocatoria, o Concello e a Xunta de Galicia reafirman o seu compromiso coa creación de espazos de encontro e diálogo que reforcen a colaboración entre a comunidade educativa e as familias co convencemento de que aprender xuntos é o primeiro paso para medrar mellor.

